Ayuntamiento de La Coruña / Concello de A Coruña

Reportajes

O autor e as súas orixes

Nado na localidade de Avellaneda, aprendeu o galego desde pequeno. Fillo de emigrantes, na casa nunca parou de escoitar historias sobre Galicia, a súa historia e situación política, pero tamén a súa cultura. Tópicos e temas que vén mostrando ao longo da súa traxectoria literaria.

 

A pesares de ter nacido na provincia de Bos Aires, Carlos Penelas mantén desde que naceu un vínculo afectivo con Galicia. É a terra de seus pais, tal e como explica o propio Penelas, «toda a miña familia era galega, tíos e primos maiores». O seu pai faláballe do galego e en galego. «Falábame da súa historia, os seus poetas eran coñecidos por un neno antes que outras. A iso, a miña nai, de Ourense, agregaba comidas e arquitecturas familiares», comenta Penelas.

Penelas naceu en Avellaneda en xullo de 1946, é o menor de cinco irmáns. Tal e como confesa o propio Penelas, vén dunha familia vencellada coa arte: «Ensináronnos a sentir con devoción. A ópera, o teatro. a pintura, o cine, o ballet, foron parte dunha educación». De aí a súa dedicación á literatura e á poesía, e a súa constante labor de difusión, colaborando para distintos medios de comunicación hispanoamericanos e traballando desinteresadamente no Centro Betanzos de Bos Aires.

Nesa faceta de divulgador entran as súas conferencias, charlas e cursos que Penelas impartiu por diversos países latinoamericanos, pero tamén en Galicia. Estivo na Universidade de Santiago de Compostela e tamén na Universidade da Coruña. «Estraño as súas paisaxes, as súas feiras, as súas aldeas», di Penelas sobre Galicia, terra á que non regresou desde hai nove anos.

Con todo, o interese por Galicia nunca decaeu para Carlos Penelas. Ao contrario. A súa busca permanente de información sobre a cultura, a historia e literatura galaica vese reflexada nas súas obras. Penelas constitúe, xa que logo, un escritor que non para de aprender sobre Galicia, e que ten moito por contar acerca dela.