Ayuntamiento de La Coruña / Concello de A Coruña

Reportajes

Unha visión externa da cultura galega

Pese a nacer en Bos Aires, Carlos Penelas colabora no xornal «Galicia en el Mundo» e mantén unha forte vinculación co Centro Betanzos de Bos Aires. A súa visión da sociedade galega resulta interesante desde o punto de vista dos emigrantes que viven en Arxentina e das novas xeracións que recollen os recordos e os sentimentos dunha terra.

 

Os seus lazos de unión con Galicia nunca morreron. Na súa casa falábase do galego e dende o galego. Carlos Penelas leva dedicando moitos anos da súa vida á difusión de Galicia no exterior. Entre as súas colaboracións xornalísticas, destaca a publicación Galicia en el Mundo, para a que escribe. Penelas fai un percorrido pola traxectoria da situación galega: «Galicia foi ignorada ou descoñecida por décadas. O curioso, ou patético, é que o foi entre nós onde a inmigración galega foi inmensa». Para este escritor, a realidade está cambiando:«comeza a ter importancia o cultural, a visión dun pobo, unha tradición que ten unha especial simboloxía. Unha raza que levamos no sangue con pudor, con nostalxia, con orgullo».

Penelas tamén ten unha vinculación desde hai moitos anos co Centro Betanzos de Bos Aires. Nos últimos catro axudou á creación de obradoiros de teatro, un cineclube, o ciclo de conferencias, un selo editorial, unha galería de pintura e unha páxina web, entre as actividades máis destacadas. «Todo ad honorem», aclara Penelas. «Non cobro un centavo. A realidade aquí é moi distinta, e non son un poeta con bens». O mérito destas actividades que se levan a cabo desde este centro pasa polas figuras importantes da cultura e a intelectualidade arxentina que veñen ata este sitio. «Por aquí veñen directores de cine, xornalistas, actores, poetas, artistas plásticos de recoñecido nivel. Digamos que son o secretario de cultura, pero os cargos non os tomo en serio». Por iso, Penelas recoñece que nese aspecto, este centro «é único».

Pero, ¿que teñen de especial os galegos do exterior cos que Carlos Penelas colabora? «O bo e o malo de todo desterro», contesta o escritor. «Os galegos que agora viven en Arxentina son moi maiores. Envelleceron nun territorio difícil. Homes e mullerse que se foron quedando nestas terras, esquecendo cousas, con pantasmas doutras, desdebuxando rostros».

O que queda claro para Penelas é que a realidade galega que deixaron os emigrantes é moi distinta. «Galicia creceu, saíu dun pasado escuro e pobre, para entrar nun mundo aberto, máis amplo, máis universal. Iso ten as súas contradicións». A pesar de todo, as primeiras lembranzas de Penelas sobre Galicia veñen da man do seu pai: «O lembro cantando en galego, no patio da casa, xunto aos canarios. Co Quijote sobre a mesiña».