Ayuntamiento de La Coruña / Concello de A Coruña
Reportajes
Considerado polo grande público como escritor e poeta, Penelas especializouse nun xornalismo cultural, levando por iso varios premios na categoría de mellor cronista. Non obstante, Penelas prefire considerar eses traballos na radio como unha etapa da súa vida, sen que por iso se lle considere xornalista.
Se algo caracteriza a faceta profesional de Carlos Penelas é o seu xeito de traballar desde a ollada do literato, pero coa capacidade de análise dun intelectual formado nos textos clásicos. Toca falar da dimensión xornalística que envolve o traballo de Carlos Penelas.
Columnista de distintos medios de comunicación, fiu colaborador durante anos do suplemento cultural do diario La Prensa de Bos Aires, un dos suplementos culturais máis importantes de Arxentina. Ademais, foi crítico literario durante os anos oitenta de Radio Municipal e Radio Nacional, traballando tamén como condutor de distintos programas culturais. «Digamos que sempre exercín un xornalismo cultural en radio coma en medios escritos. Comentarios de libros, esntrevistas a escritores e creadores. Aquí recibín a Gonzalo Torrente Ballesterm a Ana María Matute, a Juan Rulfo, a Mario Benedetti e a Rafael Alberti», apunta Carlos Penelas.
Sobre o traballo en Radio Nacional, Penelas o considera «unha etapa. Tal vez ese sexa o motivo de que no fondo non se me considere xornalista». Con todo, publicou dous libros recompilatorios de algúns dos seus artigos.
Como intelectual que manexa a diario xornais e que se mantén ao tanto da información e dos acontecementos, Penelas observa e analiza a situación actual do xornalismo. «Na época de Rubén Darío, un xornalista dun diario como La Prensa ou La Nación manexaba entre dez e quince mil palabras —afirma Penelas—. Hoxe, con boa intención, poderíamos afirmar que está entre dous mil e tres mil». ¿Cal é o problema entón da situación universal do xornalismo? Penelas aporta unha serie de pistas sobre as posibles causas:«A televisión fixo estragos, a falta de lectura, a globalización, técnicas que non se terminan de analizar, a superficialidade, a ollada egoísta dunha sociedade, unha educación en crise». Pese a esta visión, Penelas di que «sen dúbida, hai excepcións».
Sen dúbida, a falta de formación é unha das causas que Carlos Penelas ve ante a tendecia á inmediatez das informacións en contraposición dun xornalismo de análise e comprensión dos feitos. «Unha das razóns polas que me afastei dos medios é esa», confesa Penelas, «pero o mesmo acontece entre os poetas, creadores, cineastas e arquitectos».
O autor de Retratos vai máis alá e afonda na problemática incidindo no modelo de educación, que actualmente «pasa polo éxito, polas carreras terciarias, cómpranse títulos e acádanse doutorados astutos. En letras case non se ve latín nin grego». Ante esta situación, Penelas plantexa unha pregunta:«¿Por que razón, se políticos, economistas e intelectuais, voan moi baixo, os xornalistas van ser diferentes?». Resumido nunha sinxela pero profunda sentencia, «a sociedade líquida é o aparente».