Ayuntamiento de La Coruña / Concello de A Coruña
Reportajes
Comezou a súa formación na televisión, logo formou parte dun proxecto de Investigación do Centro Ramón Piñeiro e tras pasar un breve período de tempo pola docencia pasou as probas de Política Lingüísitica para ser lector na Universidade de Sao Paulo. É o primeiro que desenvolve este cargo nesta universidade e afróntao con ilusión e esperanza ao frente de alumnos heteroxéneos e cunha serie de novedosos proxectos para achegarlles a lingua, cultura e en definitiva a realidade galega
Leopoldo Cañizo é o lector da USC asinado ao proxecto para o fomento do galego por parte de Política Lingüística na Universidade de Sao Paulo. Ten 28 anos e é licenciado en Filoloxía Galega pola USC desde o ano 2001. Leopoldo tomou un primeiro contacto coa lingua galega nos medios de comunicación: “ durante o último curso de licenciatura comecei a facer prácticas na Televisión de Galicia onde fiquei por un período de nove meses o que supuxo unha oportunidade interesante de toma de contacto coa realidade da lingua”
Continuou a súa formación colaborando eventualmente coa editorial Edicións Obradoiro “ facendo labores de corrección, tradución e creación de textos para o ensino primario e secundario”, afirma.
Leopoldo pasou un tempo no estranxeiro , concretamente na Bretaña francesa e á volta comezou estudos de doutoramento entón chegou unha boa oportunidade laboral nunha labor de investigación. “ De alí a pouco fun seleccionado para formar parte do equipo de investigación do Diccionario de Fraseoloxía Galega, dirixido polo profesor Xesús Ferro Ruibal no Centro para a Investigación en Humanidades Ramón Piñeiro . Durante os dous anos que formei parte deste proxecto tiven a ocasión de coñecer e estudar un amplo abano de expresións, proverbios e fórmulas da lingua galega, o que sensibilizou en grande medida o meu “oído” con respecto á oralidade”
A última experiencia profesional de Leopoldo tivo que ver co ensino da lingua na secundaria, foi no instituto padronés “Macias O Namorado” como sustituto de lingua e literatura galegas “ experiencia que me confrontou coas dificultades e as retribucións que o ensino secundario comporta”.
Despóis desta achega ao mundo educativo, Leopoldo participou nas entrevistas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística organizou a mediados do pasado setembro en colaboración con diferentes universidades europeas e americanas. “Tralas entrevistas, fun escollido para traballar como lector galego na Universidade de Sao Paulo, a miña actual ocupación”, sinala este filólogo galego.
Leopoldo explica así a súa tarefa na universidade brasileira; “ O meu labor como lector de galego consiste tanto na actividade docente como na organización, en coordinación coa directora da Cátedra de Estudos Galegos, a profesora Dra Valeria Gil Condé, de actividades culturais para a promoción e a difusión da cultura e da lingua galegas.
Ao frente deste proxecto ambicioso coa difusión da lingua e a cultura galegas como obxectivo primordial, Leopoldo Cañizo colaborará nunha serie de proxecto ao longo da súa estancia como lector da Universidade de Sao Paulo promovidos desde esa Cátedra de Estudos Galegos (CEG). “ Para este primeiro ano da CEG proxectamos organizar unhas xornada de inauguración por volta do mes de maio, nas que ademais de conferencias sobre a lingua galega, teñan lugar actividades vinculadas co noso campo de traballo: a cultura galega. Así mesmo, durante o segundo semestre contamos con levar a cabo un ciclo de proxectos cinematográficos vinculados co noso país, como medio de achega dunha realidade que, aínda distante xeográficamente, é ben viva na sociedade de Sao Paulo”
Os alumnos aos que Leopoldo ensinará teñen procedencias moi diversas pero un interés común pola lingua galega; “Despois de coñecer ao grupo de alumnos que se interesaron nas asignaturas ofertadas, a miña percepción é de ser ben heteroxéneas as súas motivacións: por unha banda hai galegos ou fillos de galegos interesados en afondar sobre as súas raíces; outros alumnas e alumnos cegaron á cultura galega a través de coñecidos da importante colonia galega de Sao Paulo, e finalmente o interese dun amplo número de alumnos e alumnas é de raíz lingüística. Ante a dificultade de coñecer a realidade do outro lado do océano, estas aulas achéganlles un mundo e unha lingua moitas veces imaxinada, máis aínda descoñecida”, afrma Leopoldo.
En canto ó seu cometido de achegar o coñecemento galego a estes alumnos, o lector galego mostrase cheo de ilusións e ganas de aprender tal como se desprende das súas palabras; “ A miña intención é que o primeiro contacto coa cultura e a lingua galegas sexa ameno e, ao mesmo tempo, rigoroso. Persoalmente paréceme moi gratificante poder levar a cabo esta actividade, aínda que é, ao mesmo tempo, toda unha responsabilidade.