1.5. - 5 ¿CAL É O TRÁMITE QUE HAI QUE SEGUIR PARA PODER RECUPERAR A NACIONALIDADE ESPAÑOLA?
Para poder acceder á recuperación prevense unha serie de requirimentos xerais que o interesado ha de cumprir obrigatoriamente:
Que a persoa teña a súa residencia legal en España. Este requirimento é excepcional para o caso dos emigrantes e dos fillos de emigrantes. Esta excepción é a causa que permite e posibilita a recuperación da nacionalidade española sendo residente no exterior.
Declarar a vontade de recuperar a nacionalidade ante o encargado do Rexistro Civil. Esta declaración só se pide que sexa válida desde o punto de vista do dereito español aínda que o feito de a realizar non implique, segundo a lexislación estranxeira cuxa nacionalidade ostenta o solicitante, perder a súa. Este feito pode provocar mesmo fomentar situacións de dobre nacionalidade de feito.
É preciso inscribir o feito da recuperación no Rexistro Civil.
Estes son os requirimentos xerais que ha de cumprir todo solicitante dunha recuperación da nacionalidade española. Existen outros casos en que, ademais, ha de existir unha previa habilitación do Goberno. En concreto son os supostos de perda de nacionalidade por sanción.
Para realizar a recuperación da nacionalidade española é preciso iniciar un expediente formal de solicitude. Este tramítase ante o encargado do Rexistro Civil onde conste a inscrición do nacemento do interesado que é, á súa vez, o competente para inscribir a recuperación de dita nacionalidade unha vez esta se produza.
Esta inscrición da recuperación realizarase na marxe esquerda da inscrición de nacemento (inscrición marxinal) e, en dita inscrición advertirase expresamente que os fillos do interesado, sometidos a potestade paterna, ten dereito a optar á nacionalidade española.
* Este requirimento tamén pode ser excepcionado polo Ministro de Xustiza cando "concorran circunstancias excepcionais", pero neste caso hai que iniciar o procedemento de solicitude de excepción .