6.5. - 125 ¿QUE DOCUMENTACIÓN LLE SERÁ NECESARIA Ó FAMILIAR DUN ESPAÑOL PARA PERMANECER EN ESPAÑA?
O familiar de español pode encontrarse na obriga ou non de posuír unha TARXETA DE RESIDENCIA COMUNITARIA, así.
A) Supostos de residencia sen tarxeta.
Poderán residir en España sen necesidade de tarxeta de residencia expedida polas autoridades españolas para tal fin as seguintes persoas que sexan titulares dun documento de identidade ou un pasaporte nacional válido e en vigor:
Nacionais dos Estados membros da Unión Europea ou doutros Estados parte no Acordo sobre o Espazo Económico Europeo, que sexan traballadores por conta propia ou allea, estudantes ou beneficiarios do dereito a residir con carácter permanente.
Familiares das persoas do parágrafo anterior, así como familiares de cidadáns españois, sempre que sexan nacionais dalgún Estado membro da Unión Europea ou nacionais doutro dos Estados parte no Acordo sobre o Espazo Económico Europeo.
Os nacionais dos Estados membros da Unión Europea e doutros Estados parte no Acordo sobre o Espazo Económico Europeo que traballen en España mantendo a súa residencia no territorio dalgún deses Estados e ó que regresan todos os días ou, polo menos, unha vez por semana.
Non obstante, en calquera dos supostos do apartado anterior nos que o interesado solicite dita tarxeta de residencia, os órganos administrativos terán a obriga de informar ó interesado sobre a non esixencia da mesma. Pero, se a pesar de iso, o interesado presenta a correspondente solicitude, expediraselle a tarxeta de residencia que corresponda ou un certificado de residencia.
Para a realización das actividades económicas por conta propia ou por conta allea, para a prestación de servizos ou para estudos, os interesados estarán sometidos á normativa específica vixente en igualdade de condicións que os cidadáns españois.
b) Supostos de residencia con tarxeta.
A residencia temporal en España cunha duración superior a tres meses e inferior a un ano documentarase naqueles outros casos non contemplados no apartado anterior cunha tarxeta de residencia, de vixencia limitada á duración daquela.
A residencia en España cunha duración superior a un ano documentarase cunha tarxeta de residencia renovable que terá cinco anos de vixencia, naqueles supostos non contemplados no apartado anterior.
Os familiares de nacionais dos Estados membros da Unión Europea e doutros Estados partes no Acordo sobre o Espazo Económico Europeo, que posúan a nacionalidade dun terceiro estado, serán documentados cunha tarxeta de residencia cuxa vixencia estará vinculada á residencia da persoa da que dependan, sen prexuízo do dereito a residir con carácter permanente.
Os familiares de españois que sexan nacionais de terceiros Estados serán documentados cunha tarxeta de residencia con cinco anos de vixencia, sen prexuízo do dereito a residir con carácter permanente.