Logo Secretaría Xeral de Emigración  
Imaxe de cabeceira da sección de Normativa

Lei de recoñecemento da galeguidade

Lei 4/1983, do 15 de xuño, de Recoñecemento da Galeguidade

A comunidade galega está presente non só na súa terra, senón tamén na Galicia da emigración.

O espírito asociativo dos galegos lévanos a constituir fóra de Galicia auténticas comunidades que serven de vínculo de unión e comunión coa terra galega.

Desenvolvendo o artigo 7° do Estatuto de Galicia, a presente lei recoñece ás devanditas comunidades a súa galeguidade, o que posibilita a súa inserción na vida social e cultural do pobo galego, sen que iso implique a concesión de dereitos políticos.

Coa mesma finalidade, procura o impulso da actividade exterior do Estado en orde á articulación de tratados e convenios polos que se tenda a favorece-los fins destas comunidades e as aspiracións dos seus membros.

Polas devanditas razóns, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conforme co artigo 13°, 2 do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, veño en promulgar, en nome de El-Rei, a Lei de recoñecemento da galeguidade.

Título I
Da Galeguidade das comunidades asentadas fóra de Galicia.

Artigo 1°

Enténdese por galeguidade, ós efectos da presente Lei, o dereito das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia a colaborar e comparti-la vida social e cultural do pobo galego.

Artigo 2°

Son comunidades galegas as entidades asociativas sen ánimo de lucro, validamente constituídas e con personalidade xurídica no territorio en que se atopen asentadas, que teñan por obxecto principal nos seus estatutos o mantemento de lazos culturais ou sociais con Galicia, as súas xentes, a súa historia, a súa língua e cultura, e ás que lles fose recoñecida a súa galeguidade de acordo coa presente lei.

Artigo 3°

A Comunidade Autónoma galega promove e coordina, respectando as súa autonomía, a participación das comunidades galegas na vida social e cultural do pobo galego, e a tal fin:

  1. Crearánse canles de recíproca comunicación e apoio entre a Comunidade Autónoma e as comunidades galegas asentadas fóra de Galicia, para facer real e efectiva a súa colaboración na vida social e cultural de Galicia.
  2. Nun contexto de colaboración xeral impulsaráse a actividade do Estado español en orde á elaboración e celebración de tratados ou convenios con estados onde existen comunidades galegas de acordo co apartado 2 do artigo 7° do Estatuto de Autonomía de Galicia e sen prexuízo do previsto en materia de relacións culturais no apartado 3 do artigo 34 do mesmo.
  3. Promoveránse acordos ou convenios nos termos do artigo 35, apartados 1 e 2 do propio Estatuto de Autonomía de Galicia.

Artigo 4°

O recoñecemento da galeguidade produciráse, previa solicitude, por acordo da Xunta de Galicia e dará lugar á inscrición da comunidade no Rexistro das Comunidades Galegas asentadas fóra de Galicia.

Título II
Do alcance e contenido do recoñecemento da Galeguidade

Capítulo I
Na orde social e cultural

Artigo 5°

O recoñecemento da galeguidade das comunidades ás que se refire o artigo 2 desta lei, alcanza, na orde social:

  1. O dereito á información de cantas disposicións e resolucións se adopten polos poderes da Comunidade Autónoma galega.
  2. O dereito a compartiren a vida social galega e colaborar na súa difusión, dentro do territorio de Galicia e no ámbito da propia comunidade que obtivese o recoñecemento.

Artigo 6°

O recoñecemento da galeguidade das comunidades galegas implica na orde cultural, na forma que regularmente se determine:

  1. O dereito a disfrutaren das bibliotecas, recursos e arquivos dependentes da Comunidade Autónoma.
  2. O dereito a colaboraren no marco das competencias atribuidas á Comunidade Autónoma nos medios de comunicación social e emisións de televisión dirixidos ós galegos de dentro e fóra de Galicia.
  3. O dereito a colaboraren no impulso das actividades culturais e espectáculos orientados a preservar e formenta-lo goce da língua, cultura e tradicións galegas.

Artigo 7°

  1. A Comunidade Autónoma organizará, a través das comunidades galegas, e coa colaboración de institucións especializadas, servicios didácticos e audiovisuais que faciliten o coñecemento da lingua, cultura e tradicións de Galicia.
  2. Facilitarase ás comunidades galegas a organización de cursos de lingua e cultura galegas.

Artigo 8°

A Comunidade Autónoma fomentará a creación de prensa e revistas para uso escolar, con especial atención ós fillos dos galegos residentes fóra de Galicia. As comunidades galegas, serán canle para a difusión de tales publicacións.

Artigo 9°

No marco da cooperación social e cultural coas comunidades galegas, a Comunidade Autónoma fomentará, dentro das súas competencias, a producción, distribución e intercambio de programas de radio e televisión.

Artigo 10°

A Comunidade Autónoma garantiza a adquisición con destino ás comunidades galegas dun fondo editorial tendente a facilita-lo coñecemento da historia, a arte, a lingua e a realidade social de Galicia.

O Consello de Comunidades Galegas propoñerá á Xunta de Galicia os criterios para a composición e distribubición entre estas do citado fondo.

Artigo 11°

No marco das competencias da Comunidade Autónoma, a Xunta de Galicia, promoverá, en cooperación coas comunidades galegas, cursos ou ciclos especiais sobre lingua, historia e cultura galegas, tanto na Universidade e institucións docentes e culturais de Galicia, coma nas dos países de asentamento destas comunidades.

Artigo 12°

A Comunidade Autónoma de Galicia canalizará o exercicio dos dereitos recoñecidos nos artigos anteriores e a colaboración na vida social e cultural de Galicia das comunidades galegas inscritas ó amparo desta lei, garantindo a presencia de representantes das mesmas nos consellos ou institutos da Comunidade Autónoma relacionados coa súa actividade.

Capítulo II
Do exercicio da Galeguidade

Artigo 13°

  1. Para o cumprimento dos fins establecidos na presente lei, créase o Consello de Comunidades Galegas con carácter deliberante, de funcións consultivas e de asesoramento das institucións da Comunidade Autónoma, na forma que regulamentariamente se determine.
    Son membros natos do consello:
    1. O Presidente da Xunta de Galicia, que o presidirá.
    2. Os Conselleiros de Traballo, Seguridade Social e Emigración, o de Cultura e o de Turismo e Deportes.
    3. Un representante do Consello de Cultura Galega.
    4. Un representante da Real Academia Galega.
    5. Un representante da Universidade de Galicia.
    6. Un representante por cada unha das comunidades inscritas ó amparo desta lei.
  2. No seo do consello consituirase unha comisión delegada que será elixida e renovada por aquel en forma regulamentaria.

Artigo 14°

O Consello de Comunidades Galegas elaborará anualmente unha memoria na que se dará conta da aplicación efectiva da presente lei e suxerirá á Xunta de Galicia as medidas convenientes para o mellor cumprimento dos seus fins.

Artigo 15°

Como servicio dependente da Xunta de Galicia crearase o Rexistro de Comunidades Galegas asentadas fóra de Galicia, que será público e terá por obxecto a inscrición, e no seu caso, a anotación do nome, estatutos e ós órganos rectores daquelas, así como das modificacións que se produzan.

Disposición adicional

Para o cumprimento dos fins da presente lei, estableceráse unha partida específica nos Presupostos Xerais da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

Autorízase á Xunta de Galicia para dicta-las normas de desenvolvemento regulamentario da presente lei.


Santiago de Compostela, 15 de xuño de 1983

El tipo mime del documento es: application/pdfLei 4/1983, do 15 de Xuño [gl]
Lei 4/1983, do 15 de Xuño, de Recoñecemento da Galeguidade
Enlaces de Interes
De interese
Especial sobre arquitectura contemporánea de Galicia
Separador

Icono de conformidade co Nivel A, das Directrices de Accesibilidade para o Contido Web 1.0