Logo Secretaría Xeral de Emigración  
Imaxe de cabeceira: costa de Redes

Acordos da comisión delegada

Acordos adoptados pola Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas 2004

Lisboa, 10 e 11 de decembro

Introducción

No mundo moderno e globalizado no que convivimos Galicia é unha comunidade inmensamente rica na súa historia, tradición e patrimonio cultural. Este rico patrimonio, consérvase en determinados aspectos, grazas ao labor das comunidades galegas no exterior e á súa obra histórica, sen coñecemento da cal non será posible coñecer a nosa verdadeira identidade.

O terceiro espazo de Galicia estase a conformar, superando a realidade da Galicia Territorial e da diáspora, a través dunha comunidade ideal e universal con vehículos de comunicación tan axeitados como o Portal da Emigración Galega, o cal posibilitará que as comunidades galega no exterior, ou ben unha comunidade concreta dunha zona do mundo, poidan ser referente e líder para todos a nivel mundial. Debemos ampliar tódolos esforzos e aglutinar tódolos recursos naturais posibles para conservar a parte esencial do que somos, e así non perder a nosa personalidade e identidade no mundo. Nesta tarefa será clave o alcance dun perfecto equilibrio entre o impulso e forza creativa da nosa xuventude no mundo e a experiencia, tradición e respaldo dos nosos maiores.

Xuventude

A Comisión Delegada recoñece e valora moi positivamente os avances e novos proxectos postos en marcha pola Secretaría Xeral de Emigración tendentes a unha maior participación e integración de xuventude no seo das entidades como elemento dinamizador e de garantía da súa supervivencia, así como da continuidade do espallamento da cultura galega no mundo, dándolle unha excelente acollida á nova convocatoria de axudas para proxectos que se impulsen e se xestionen directamente pola xuventude da Galicia exterior. Sen embargo, polo seu carácter novidoso ante a colectividade, debemos esperar a ver cal é a acollida que poida ter entre os posibles beneficiarios, manifestando a necesidade dun compromiso dos propios centros na información e coordinación de todos estes proxectos de tan amplo alcance.

En contacto coas entidades promoverase e motivarase á xuventude para a celebración de intercambios de carácter multicultural e de promoción da cultura galega entre mozos e mozas descendentes de galegos das distintas colectividades dos países nos que se asentan, impulsando a realización de foros xuvenís en países con ampla presenza galega.

Portal

Felicítase unanimemente á Xunta de Galicia e á Secretaría Xeral de Emigración polo avance impulsado na área de información e intercomunicación das comunidades galegas, e destas con Galicia, que terá a súa culminación no Portal da Emigración Galega presentado nesta reunión da Comisión Delegada, e que ven a responder a unha inquedanza de todos xa manifestada nos acordos do último Pleno do Consello de Comunidades Galegas, celebrado en Bos Aires, desexando a súa rápida posta en marcha por constituír un elemento integrador de cara ao futuro, especialmente da xuventude.

Programas de asistencia

A Comisión valora moi positivamente todas as políticas e programas de asistencia e apoio aos colectivos galegos de maior idade e escasos recursos que ven realizando a Xunta de Galicia nos últimos anos, paliando así os efectos de crises sociais e económicas en países de Iberoamerica, estimando necesaria a continuidade das mesmas e a atención de forma preventiva que no futuro puideran presentarse.

A Comisión solicita así mesmo da Xunta de Galicia o estudio e valoración da ampliación de servizos socioasistenciais para maiores, como a extensión de Centros de Día a outros países de América e Europa, así como o mantemento ou incremento posible de subvencións ás comunidades que prestan este tipo de atención.

O papel das Comunidades Galegas como axentes de cooperación ao desenvolvemento

A Comisión Delegada valora moi positivamente a normativa legal galega de cooperación ao desenvolvemento e o seu desenvolvemento, da que foi informada nesta sesión.

Estima non obstante necesario dirixirse ao Goberno de Galicia para que considere con carácter prioritario no desenvolvemento dos seus proxectos o papel especial que deben de representar as nosas comunidades galegas como axentes de cooperación nas áreas e países con maior necesidade de cooperación, tendo en conta especialmente o seu histórico e xenuíno papel no ámbito da solidariedade.

Traballos da Comisión Delegada

Entendendo os membros da Comisión Delegada que os problemas e inquietudes das comunidades asentadas nas distintas áreas teñen contidos e alcances ben diferenciados, estiman oportuno continuar o traballo común entre todos os delegados, compartindo os proxectos da Galicia exterior con espírito de unidade e universalidade, afondando na relación dos delegados cos representantes da súa área ou países, mediante as reunións ou contactos que poidan acadar un maior froito da xestión nos intereses da colectividade.

A celebración do VII Pleno do Consello de Comunidades Galegas en Bos Aires e da Comisión Delegada en Lisboa constitúen unha vía adecuada para o coñecemento da realidade propia de cada área ou país, e considérase que se debe continuar nesta liña.

Por outra parte, a Comisión Delegada solicita da Secretaría Xeral de Emigración o envío de documentación para debate co maior tempo posible, para o seu estudio e coñecemento.

Medios de Comunicación

A Comisión Delegada solicita dos medios de comunicación de Galicia, especialmente da TVG, a promoción de programas con contidos específicos de interese para a colectividade galega no exterior, así como a utilización de todos os medios informativos ao seu alcance, das comunidades e dos países onde se asenta, para transmitir información e comunicacións especialmente das iniciativas e programas para a Galicia exterior.

Integración de entidades

Os centros recoñecen a necesidade de afondar na unión de entidades e integración de recursos das distintas comunidades para consolidar o seu futuro, compromiso que debe ser asumido ademais da Xunta de Galicia, coa súa priorización de proxectos integradores polas propias entidades traballando activamente en favor destas accións que constitúen un eixo principal para a pervivencia do conxunto do movemento asociativo do exterior.

Centros como axentes de promoción da cultura galega e de información sobre Galicia

A Comisión propón que se realicen as xestións oportunas para que a través da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, se dea un impulso á participación e utilización das entidades galegas como actores esenciais de promoción da cultura e do turismo de raíces cara a Galicia, incrementando todos os seus apoios e colaboración coas entidades galegas de maior presenza no exterior. Así mesmo, solicitan información e coordinación sobre as estancias no exterior de persoas relevantes de Galicia que poidan colaborar cunha maior presenza da nosa cultura e imaxe no exterior.

En relación coa promoción da cultura galega e española no exterior proponse instar ao goberno central e concretamente aos responsables do Instituto Cervantes para que potencien os fondos bibliográficos e documentais nas distintas linguas oficiais en España e a programación e difusión temporal do conxunto das comunidades que a integran.

Patrimonio

Ampliar, a países de Europa o labor de recuperación, catalogación e conservación do patrimonio histórico e documental dos centros galegos, como xa se está a facer en Arxentina, Uruguai, Brasil e Cuba, a través do Consello de Cultura Galega, a petición das propias entidades.

Apoio aos centros e comunidades españolas no exterior

A Comisión Delegada acorda por unanimidade que a Xunta de Galicia comunique aos órganos competentes do goberno de España e, concretamente, ao Consello Xeral da Emigración, a necesidade dun impulso na política de axudas e subvencións para o mantemento da cultura e dos diversos servizos que prestan os centros e comunidades á colectividade española no exterior, incluíndo o apoio a todos aqueles centros que aportando os valores propios da cultura dunha comunidade ou nacionalidade española, son igualmente centros de acción, de servizos e de referencia da comunidade española no exterior.

Enlaces de Interes
De Interés
Guía de Retorno: as respostas que buscabas.
Separador

Icono de conformidade co Nivel A, das Directrices de Accesibilidade para o Contido Web 1.0