Manuel Dopazo Gontade
Mensaxeiro do son galego nos aires porteños

Unha vez no destino, alugaron un cuarto nun hotel da céntrica rúa Tacuarí e Manuel comezou a traballar como esfrega pratos. Aos poucos días coñeceu nun bar próximo a un representante musical que o contratou para tocar polo interior do país, polo que deixou o traballo conseguido e comezou a dedicarse de cheo á gaita. Posto que saíu de Galiza co imprescindíbel, o representante tivo que fornecelo dunha gaita e adiantarlle cartos para que mercase roupa axeitada. A relación de dependencia estabelecida durou pouco tempo xa que Dopazo advertiu que el mesmo podía conseguir as actuacións, mellorando os seus ingresos.
Deste xeito, comezou a promocionarse enviando cartas ás institucións españolas, presentándose como “Gaiteiro recién llegado de España ofrece sus servicios”. En 1906 casou con Margarita, coa que tivo once fillos. Mudáronse a unha casa do barrio de Barracas, na rúa Ituzaingó 751, e logo a outra en Uspallata 839, do mesmo barrio, domicilio no que residiu até a súa morte.
A súa carreira estivo marcada polo éxito e a fama, dado o virtuosismo co que manexaba a gaita. Os que o coñeceron afirman que tiña moi boa afinación, que requintaba e picaba as notas dunha maneira particular, ademais de cantar e tocar ao mesmo tempo, arte que poucos gaiteiros souberon desenvolver. Tocou como solista, acompañándose polos seus numerosos fillos e, desde os anos 40, tamén co seu conxunto Los Gaiteros de Vilaverde.
Foi requerido para tocar co Coro Agarimos, co Coro Los Rumorosos del Centro Betanzos, a Coral del Centro Gallego, en gran número de entidades galegas, asturianas e españolas en xeral, así como en importantes entidades porteñas como Casa Suiza, Federación de Empleados de Comercio, La Argentina, Teatro Maravillas, Teatro Avenida, Teatro Mayo, etc.
Dopazo era frecuentemente convidado ao popular programa de radio “Recordando a Galicia”, dirixido por Maruja Boga e Alfredo Aróstegui. Gravou numerosos discos e participou na música incidental de dúas películas: Cándida (Luis Bayón Herrera, 1939, EFA), con Niní Marshall e Juan Carlos Thorry, e La calle junto a la luna (Román Viñoly Barreto, 1951, Emelco), con Narciso Ibáñez Menta e Enrique Serrano. En ambas as dúas intervén en escenas festivas e en breves pasaxes das súas bandas sonoras.
Tamén destacou na fabricación de gaitas, oficio que aprendeu na Arxentina. Viaxou unha soa vez a Galiza, en 1923, para visitar a súa nai, xunto co seu primoxénito, Antonio. Ao regreso dunha actuación do 12 de outubro de 1951 nunha romaría en San Francisco (Córdoba), enfermou gravemente dos pulmóns, deixou de tocar, e seis meses máis tarde, o 28 de abril de 1952, faleceu aos 70 anos. O seu deceso produciu un fondo pesar na colectividade, publicándose abundantes e sentidas notas necrolóxicas. Os seus restos descansan no panteón da Sociedad Argentina de Autores y Compositores (SADAIC) no Cementerio del Oeste, no barrio porteño de Chacarita.
ÁLBUM DA EMIGRACIÓN
O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.
O ÁLBUM DA EMIGRACIÓN é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega (contidos) e culturagalega.org (deseño)
Correo electrónico: aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985

Consello da Cultura Galega
OCUPACIÓN...
ArtísticoMULTIMEDIA
Pin-pin XarabeloAi, Pin-pin Xarabelo
faise un neno
a criada do cura
tuvo un neno
Tuvo un neno, neniño
pequeniño
que de nome lle chaman
Manueliño
-D`onde vén, Marica?
-Veño da verdura.
-Ai, que ricos nabos
ten o noso cura!
-D`onde ves, Marica?
-Veño da verdura.
Señora María,
reprenda ao seu galo,
q`a miña galiña
Levántalle o rabo,
q`anda pola horta
Feito un namorado.
A criada do cura
tuvo un neno, tuvo un neno, neniño,
pequeniño,
que de nome lle chaman
Manueliño
Ai ruada, ruadiña!
onde hai mozos e mozas
hai fuliadiña.
Manuel Dopazo. Cronicas Porteñas Aires gallegos con canto
Vinte, vinte, rapaciñas
Vind´a ver este gaiteruá,
que traié flores no fole
e alegría baixo punteruá.
Ai, tra la ra li rai la ra.
Véndem`os bois e véndem`as vacas
E non me vendas o pote das patacas.
Ai, e se mo vendes sempre me preñas,
á miña casa non quero que veñas.
A muller que non sabe doutrinas
Chupa do home que non há disimular (?)
Pobre carballos, sempre que trinas, (?)
Anda, muller, aprende a doutribular!
Aquí estou eue,
Meu pai mandoume,
Se queres, queres,
E se non voume
Ai, tra la ra li rai la rá.
