Enlace á web da Secretaría Xeral de Emigración
usuarios rexistrados contrasinal
novo rexistro Vantaxes

I Congreso da Xuventude Galega residente en países europeos

Os días 3, 4 e 5 de outubro de 2008 representantes da mocidade galega que reside en países europeos deuse cita na cidade alemá de Frankfurt para participar no I Congreso da Xuventude Galega Residente en Países Europeos que organiza a Secretaría Xeral de Emigración en colaboración co Consello da Xuventude de Galicia.

Ao redor duns 80 mozos e mozas acudiron a este congreso en representación da mocidade galega que aglutinan os centros galegos de Alemaña, Bélxica, Francia, Holanda, Portugal, Reino Unido, Suíza e Andorra. Durante tres días os asistentes terán tempo para debater sobre as estratexias a seguir de cara a reforzar a súa participación nos temas de interese para Galicia en materia de xuventude e participar nas diferentes charlas-coloquio que se desenvolverán dentro do marco do congreso.

Así, o venres, despois do acto inaugural no que participaron o Secretario Xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, e a Presidenta do Consello da Xuventude de Galicia, Mª Dolores Rodríguez Amoroso, o Director Xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias, falou sobre a situación do sector audiovisual en Galicia. Posteriormente proxectarase a película galega Pradolongo, do director Ignacio Vilar, que recentemente foi galardoada co “IV Premio Ciudad de San Sebastián Film Comission” en recoñecemento ao interesante reflexo dos valores urbanísticos, paisaxísticos, culturais e sociais de Galicia, onde foi rodada a película. Trala proxección terá lugar un coloquio no que participarán tanto o director como algúns dos actores do filme.

O sábado pola mañá o Director Xeral de Formación e Colocación, Pastor Fuenteseca Díaz, e o Director Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, Antonio Vázquez Vázquez, abriron a quenda de charlas-coloquio programadas para a xornada falando sobre formación e emprego en Galicia, á que lle seguirá o coloquio “asociacionismo e participación” coa participación do Subdirector Xeral de Centros e Comunidades Galegas, Carlos Sixirei Paredes e a Presidenta do Consello da Xuventude de Galicia, María Dolores Rodríguez Amoroso. Xa pola tarde formaranse os grupos de traballo que debatiron sobre as liñas de actuación que se deben seguir para fortalecer a súa participación nos movementos asociativos da xuventude galega e pola noite foi o momento para gozar da música dos grupos Mafia Gallega, Gran Purismo e Ialma que están formados por fillos de emigrantes.

O domingo, tralo encontro cos integrantes destes grupos presentaronse as conclusións do congreso, que será clausurado polo Secretario Xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, e a Presidenta do Consello da Xuventude de Galicia, Mª Dolores Rodríguez Amoroso.


A celebración deste congreso é a culminación dun traballo que comezaba xa no pasado mes de abril cando se reunía en París un grupo de mozas e mozos galegos residentes fora de Galicia para tentar de comezar a sentar as bases para o aproveitamento recíproco entre a sociedade galega e a xuventude galega no exterior.

O encontro “é un importante espazo para estimular a participación dos mozos e mozas galegas que residen fora de Galicia na toma das decisións que lles afectan de forma directa e por extensión ao futuro de toda Galicia” segundo apunta o Secretario Xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez. Para o máximo responsable de emigración da Xunta de Galicia “se a xuventude é o maior activo co que pode contar calquera país, a mocidade galega ten ademais un valor engadido que lle confire a súa importante presenza en tantos países do mundo, polo que as posibilidades recíprocas entre Galicia e a nosa xuventude do exterior son innumerables”.

Datos do CERA en Europa

Datos do CERA a 1 de agosto de 2008 con respecto aos galegos residentes nos países de procedencia dos mozos e mozas participantes no congreso:

PAÍS
CENSADOS
Alemaña 13.148
Bélxica 2.086
Francia 15.942
Holanda 2.421
Portugal 2.862
Reino Unido 10.043
Suíza 29.018
Andorra 2.405


A Presidenta do Consello da Xuventude, o Secretario Xeral de Emigración e o Director Xeral de Comunicación Audiovisual

A Presidenta do Consello da Xuventude, o Secretario Xeral de Emigración e o Director Xeral de Comunicación Audiovisual


Algúns dos participantes ao I Congresoda Xuventude

Algúns dos participantes ao I Congresoda Xuventude

Despois de tres días de traballo os participantes presentaron as súas conclusións, comezando en primeiro lugar por facer unha exposición sobre as impresións que sacaron da celebración deste Congreso. Os encargados de facer as ponencias comezaron lembrando os recursos que teñen dispoñibles ao seu alcance, como o portal da Secretaría Xeral de Emigración www.galiciaaberta.com, a Fundación Galicia Emigración, o Consello da Xuventude de Galicia e o Youth in Action (programa europeo de mobilidade) Posteriormente incidiron, entre outros aspectos, na necesidade de que exista unha maior participación e compromiso por parte da xuventude para que os movementos asociativos galegos que hai en Europa se renoven e adapten aos novos tempos. Por outra banda, destacaron as vantaxes e oportunidades que teñen encontros coma este, nos que se crean espazos de entendemento e contacto entre individuos e movementos asociativos e aportaron varias ideas para que próximas citas similares a esta sexan aínda máis exitosas.

Seguidamente anunciaron a súa decisión de crear unha asociación coa que pasarán a formar parte do Consello da Xuventude de Galicia, unha entidade institucional composta por máis dunha vintena de asociacións, que foi concibida co obxectivo de artellar unha política global para a mocidade. Como paso previo á creación da asociación creouse unha comisión temporal composta por catro membros e se estableceron os alicerces que os participantes consideran fundamentais para a súa constitución:


  • A creación dunha plataforma dixital como punto de encontro para toda a xuventude integrada na asociación, que ofreza información sobre ofertas educativas e de traballo.
  • A celebración dun novo Congreso en Galicia, coa intención de que os mozos residentes na nosa comunidade coñezan de primeira man a realidade dos mozos e mozas galegas que residen no exterior.
  • A posibilidade de contar cun espazo físico propio onde se poda establecer a sede da asociación.

Posteriormente, a Presidenta do Consello da Xuventude de Galicia, María Dolores Rodríguez Amoroso, e o Secretario Xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, foron os encargados de clausurar o Congreso. En primeiro lugar, Mª Dolores Rodríguez, celebrou a decisión de crear a asociación e animou a tódolos xóvenes a que se integren nela.
Pola súa banda, Manuel Luís Rodríguez, tamén celebrou o anuncio da creación da asociación e anunciou que contarán con todo o apoio da Secretaría que el dirixe para que esta iniciativa salga adiante.
Atrás quedan tres días de Congreso durante os cales 80 mozos e mozas, en representación da mocidade galega que aglutinan os centros galegos de Alemaña, Bélxica, Francia, Holanda, Portugal, Reino Unido, Suíza e Andorra, debateron sobre as estratexias a seguir de cara a reforzar a súa participación nos temas de interese para Galicia en materia de xuventude e participaron nas diferentes charlas-coloquio que se desenvolveron dentro do marco do congreso.

O Secretario Xeral de Emigración ao remate do I Congreso da Xuventude deixando unha dedicatoria

O Secretario Xeral de Emigración ao remate do I Congreso da Xuventude deixando unha dedicatoria