A Mesa denuncia o incumprimento do Plan de Normalización na dobraxe do cinema
O 22 de maio estréase en toda España a última entrega de Indiana Jones, que levará o título de “Indiana Jones e o Reino da Caveira de cristal”. O filme que chega ao Estado en español e en catalán, pero non en galego. Un feito que aproveitou a Mesa para denunciar que non se cumpre o fixado no Plan de Normalización Lingüística, que contempla a dobraxe de dez títutlos cinematográficos ao ano na nosa lingua, mentres que a realidade sitúanos nunha media de tres.
Unha mostra achega a Santiago a produción recente do audioviusal cubano
"El Benny" (Jorge Luis Sánchez, 2006), "Tres veces dos" (Pavel Giroud, Lester Hamlet e Esteban Insausti, 2004), "Nada" (Juan Carlos Cremata, 2001), "La Pared" (Alejandro Gil, 2006) e "Viva Cuba" (Juan Carlos Cremata, 2005) son as producións que fan parte da I Mostra de Cine Cubano que comeza hoxe en Santiago. Unha actividade que é o resultado dun convenio asinado entre a Secretaría Xeral de Comunicación e o Instituto Cubano del Arte e Industria Cinematográficos (ICAIC) asinado en 2007 para estreitar lazos entre ambos países a partir do patrimonio audiovisual. Na presentación da actividade, Fernando Salgado, secretario xeral de Comunicación, anunciou que despois de verán haberá tamén unha mostra de cine arxentino.
O MARCO presenta un ciclo para exhibir os vídeos xurdidos ao abeiro do land Art
A finais dos anos sesenta, un grupo de artistas comezaron a explorar a posibilidade de trasladar o seu obxecto de traballo a espazos naturais. Foi así como naceu o que despois se bautizaría como “land art. Para coñecer unha mostra do seu traballo, o MARCO programa hoxe e mañá (repetirá o 15 e 16 deste mes) un ciclo de vídeo que permite facer un itinerario fílmico polas mostras deste movemento. Proxeccións que nos farán un percorrido por todo o mundo a partir propostas desenvolvidas polos artistas entre 1969 e 2008.
O Festival de Curtametraxes de Cans crea contía económica para os seus premios
Dota economicamente os seus premios, (repartirán 8.000 euros), programa dúas longametraxes e dous documentais e haberá máis lugares de proxección. Estas son as principais novidades da quinta edición do Festival de Cans, un certame que organiza a Asociación Cultural Arela. A cita será entre os vindeiro 21 e 24 deste mes en Cans, O Porriño, nas mesmas datas que ten lugar o festival de cine da localidade homófona, Cannes.
Un ciclo de conferencias e proxeccións analiza a cinematografía de Alexander Sokurov
José Antonio Cascudo coordina no CGAC un ciclo que tenta reflexionar sobre a relevancia de Alexander Sokurov, un dos renovadores da linguaxe cinematográfica, en de dous xeitos. Unha a través de conferencias que situarán ao creador no contexto audiovisual e o relacionará coa tradición rusa tanto cinematográfica como estética. A outra consiste nunha serie de proxeccións nas que achegarán a súa obra. Algúns dos títulos que se proxectarán son “Elexía de Moscú”, “Nai e fillo”, “Elexía dunha viaxe”, “Confesión”, “A arca rusa” ou “Alexandra”.