Manuel Vázquez Castro
Da Habana a Bos Aires, pasando por Nova York

Manuel Vázquez Castro naceu en Padrón o 1 de febreiro de 1844. Este xornalista e escritor adoita ser máis coñecido polo alcume de Manuel Barros. Fillo de Gregorio Vázquez Barros e de Carmen Castro Brañeiro. Cursou os seus estudos primarios en Padrón e comezou os secundarios no Instituto de Santiago de Compostela. Comezou a traballar na oficina do escribán José María Batalla San Miguel.
Chega a Cuba o 1 de xuño de 1862 no barco de vela Faro. Na Habana comeza a traballar na casa comercial de Alandí. En 1868 empregouse como tenedor de libros e caixeiro na casa de Pedro Lacoste, negocio no que permanecería até a fin da súa estancia na Illa. Na Habana comezou a súa relación coa prensa colaborando no xornal La Voz de Cuba e no semanario Juan Palomo, ambos pertencentes á empresa editorial La Propaganda Literaria de Alejandro Chao. Son de destacar os seus artigos de La Voz de Cuba contra o proxecto de Mañé i Flaquer de vender a Illa de Cuba. Na súa etapa cubana empregou o alcume de Juan Dándolo. Membro do Corpo de Voluntarios de Cuba, onde chegou a acadar o grao de sarxento. Participou nunha expedición á gornición de Vuelta Abajo, actuando como cronista desta expedición.
Abandona Cuba o 9 de marzo de 1871 con destino a Nova Orleáns. Desta cidade pasaría a Nova York, para se asentar en Newburgh, onde traballou como docente. En outubro de 1871, tras pasar por Inglaterra, retorna a Galiza. En maio de 1872 decide novamente seguir o camiño da emigración, desta volta cara ao Río da Prata. En Bos Aires comezou a traballar como tenedor de libros no comercio de Carlos Casares. Cando o seu xefe ocupou o cargo de Gobernador de Bos Aires (1875-1878) nomeou a Vázquez Castro como o seu secretario.
Na capital arxentina volvería ter unha intensa colaboración xornalística. Así, entrou a formar parte da redacción do xornal Correo Español, onde destacan os seus artigos defendendo a españolidade de Cuba. Encargouse da sección literaria do semanario Antón Perulero desde a súa creación o 2 de decembro de 1875. De 1875 a 1884 ocupou a secretaría da Sociedad Española de Beneficencia. Por outra parte, tamén foi directivo do Ateneo Español. Presidente da sociedade musical e recreativa "Marina".
Cando en 1879 se constituíu o Centro Gallego de Bos Aires, Vázquez Castro foi elixido como o seu primeiro presidente. A súa actuación á fronte desta institución foi moi polémica, chegando a ter moitas críticas por parte da prensa. Son de destacar as súas desavinzas co xornal El Gallego. Para se defender das invectivas Vázquez Castro fundou o 10 de outubro de 1879 a publicación decenal Revista Galaica. Esta publicación, que pode considerarse revista oficial do Centro Gallego de Bos Aires, tivo unha curta duración, desaparecendo o 10 de xuño de 1880. Non obstante, neste mesmo ano Manuel Barros fundaría un novo xornal: La Nación Española, cómpre resaltar o feito de que neste periódico Rosalía de Castro publicou os poemas que logo reuniría no libro En las orillas del Sar.
Manuel Barros casou o 6 de abril de 1884 con Paula Florido y Toledo. A parella marchou en viaxe de noivos a Galiza, visitando en Padrón a Rosalía de Castro. Non obstante, Barros falecería en Sevilla o 5 de xaneiro de 1885, no transcurso da súa lúa de mel. De entre a súa produción literaria destaca o libro Ocios de un peregrino (Impesiones y recuerdos de viaje), publicado en Bos Aires no ano 1875 no prelo do Correo Español.
ÁLBUM DA EMIGRACIÓN
O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.
O ÁLBUM DA EMIGRACIÓN é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega (contidos) e culturagalega.org (deseño)
Correo electrónico: aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985

Consello da Cultura Galega
