Prestación por desemprego de nivel contributivo
O Servizo Público de Emprego Estatal é o organismo autónomo dependente do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, encargado da xestión e control das prestacións por desemprego, salvo para os traballadores incluídos no Réxime Especial da Seguridade Social dos traballadores do mar, das que se encarga o Instituto Social da Mariña (I.S.M.).
Trátase de protexer aquela situación de desemprego de quen, podendo e querendo traballar, perda o seu emprego de forma temporal ou definitiva, ou vexa reducida temporalmente, polo menos nunha 3ª parte a súa xornada laboral, por expediente de regulación de emprego, coa correspondente perda ou redución análoga de salarios, por algunha das causas establecidas como situacións legais de desemprego.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios, entre outros, os traballadores emigrantes retornados que cumpran os seguintes requisitos:
- Acreditar a condición de emigrante retornado mediante a certificación expedida polas áreas ou dependencias provinciais de traballo e asuntos sociais das Delegacións ou Subdelegacións do Goberno da súa provincia de residencia. Cando se trate de traballadores retornados dun país da Unión Europea, Espazo Económico Europeo, confederación Suíza ou outros cos que exista convenio en materia de desemprego (actualmente Australia e Bulgaria, Islas de Man, Jersey, Guernsey, Alderney, Therm y Jethou), deberán vir provistos do correspondente formulario.
- Ter cotizacións por desemprego computables á Seguridade Social española de, polo menos, 12 meses durante os 6 anos anteriores á última saída de España, salvo que o traballador teña cotizacións no estranxeiro que sexan computables (actualmente, países da Unión Europea, Espazo Económico Europeo, Confederación Suíza, Australia e Bulgaria), en cuxo caso o cómputo de 6 anos efectuarase dende a data na que finalice a relación laboral , derradeira situación legal dedesemprego en España.
Se o traballador non xera unha situación legal de desemprego en España tras o retorno, só poderán computarse as cotizacións efectuadas nos 6 anos anteriores á saída de España, pero si se produce situación legal de desemprego e as cotizacións efectuadas no país de emigración son computables, teranse en conta as cotizacións dos 6 anos anteriores á mencionada situación legal de desemprego.
- Atoparse en situación legal de desemprego, acreditar dispoñibilidade para buscar activamente emprego e para aceptar colocación axeitada.
- Inscribirse como demandante de emprego e solicitar a prestación na oficina de emprego nos 15 días hábiles seguintes á derradeira situación legal de desemprego.
- Non ter cumprida a idade ordinaria que se esixa en cada caso para causar dereito á pensión contributiva de xubilación, salvo que non se teña acreditado o período de cotización necesario para isto.
- Non estar incluído nalgunha das causas de incompatibilidade.
Contía
A contía determinarase en función da base reguladora que teña o traballador. O importe a percibir será: o 70% da base reguladora durante os 180 primeiros días e a partir do día 181 o 60%. A súa duración estará en función dos períodos de ocupación cotizada en rexímenes da Seguridade Social que comtempren esta continxencia nos 6 anos anteriores á situación legal de desemprego, ou ao momento en que cesou a obriga de cotizar. A duración mínima da prestación é de 120 días e a máxima de 720 días.
A contía das prestacións por desemprego está topada en función do número de fillos a cargo- art. 211 do TRLGSS
Solicitude e tramitación
O recoñecemento da prestación realizarase previa solicitude da persoa interesada na oficina de emprego correspondente. O dereito á prestación nace a partir de que se produza a situación legal de desemprego, sempre que a solicitude se formule dentro dos 15 días seguintes a dita data. A solicitude requerirá a inscrición como demandante de emprego si a mesma non se efectuase previamente. De non facelo dentro do prazo mencionado, recoñecerase a prestación a partir do momento da solicitude, perdendo tantos días de prestación como medien entre a data na que se debeu solicitar e aquela na que realmente se levou a cabo, inclusive.
+ información: Servizo Público de Emprego Estatal:
Prestación por desemprego na súa modalidade de pago único
Poderá aprobarse o aboamento da prestación por desemprego na súa modalidade de pago único sempre que o titular do dereito á prestación por desemprego:
- Vaia a establecerse, de forma estable e a tempo completo ou parcial como socio traballador en cooperativas ou sociedades laborais nas que previamente non estivera cesado. Neste caso aboarase o importe que corresponda a súa achega obrigatoria.
- O solicite na correspondente Dirección Provincial do Servizo Público de Emprego.
- Acompañe á solicitude de memoria explicativa sobre o proxecto de inversión, actividade a desenvolver e documentos que acrediten a súa viabilidade. Non será necesario presentar a memoria cando se trate de cooperativas ou sociedades laborais xa constituídas que tiveran iniciado a sua actividade anteriormente.
- Teña pendente de percibir, polo menos, 3 mensualidades de prestación.
- Tamén poden capitalizar a prestación (polo importe que corresponda ó investimento necesario para o desenvolvemento da actividade) aqueles traballadores afectados dalgunha minusvalía igual ou superior ao 33%, que pretendan autoempregarse como autónomos.
- Deben ter transcorrido polo menos 4 anos dende que se exerceu o dereito a esta modalidade de pago por última vez.
- Tamén poden acceder os beneficiarios de prestacións por desemprego que inicien a sua actividade por conta propia, sen minusvalía igual ou superior o 33%, aboándolles, no seu caso, o importe da inversión necesaria para desenvolver a actividade, co límite máximo do 20% do importe da prestación por desemprego pendente de percibir.
Unha vez percibido o importe da prestación, nesta modalidade de pago único, deberá iniciarse a actividade no prazo máximo dun mes e darse de alta no correspondente réxime da Seguridade Social.
+ información: Servizo Público de Emprego Estatal:
Exportación da prestación por desemprego
A prestación por desemprego poderá ser percibida en calquera país membro do Espazo Económico Europeo, ao cal o traballador se traslade en busca de emprego sempre e cando se reúnan unha serie de requisitos.
Beneficiarios
Con carácter xeral, poderán ser beneficiarias as persoas que reúnan os seguintes requisitos:
- Ser beneficiario dunha prestación ou subsidio por desemprego.
- Ter estado a disposición dos servizos de emprego do país de emigración por un período mínimo de 4 semanas.
- A finalidade do traslado a España deberá ser a de buscar emprego.
Contía
A mesma que viñera percibindo durante un período máximo de 3 meses. Alguns países poden exportar a totalidade la prestación. Unha vez transcorrido este período poderá darse algunha das situacións seguintes:
- O traballador atopou unha ocupación en España, en cuxo caso seranlle de aplicación as disposicións xerais sobre suspensión ou extinción de prestacións por desemprego.
- O traballador non retorna de xeito voluntario ao país de procedencia dentro do período de exportación concedido pese a non ter atopado ocupación, en cuxo caso se lle extingue todo dereito as prestacións non percibidas que tivera recoñecidas.
- O traballador retorna ao país de procedencia no prazo establecido, en cuxo caso poderá seguir percibindo as prestacións que tivera recoñecidas.
Solicitude e tramitación
O interesado deberá dirixirse á correspondente oficina de emprego no país de orixe e solicitar a exportación de prestacións e a expedición do formulario E-303. Unha vez no país de destino deberá rexistrarse na oficina do Servizo Público de Emprego correspondente ao seu domicilio nun prazo máximo de sete días, entregando as catro primeiras páxinas do formulario E-303. A quinta páxina deste formulario deberá conservala ata a data de retorno.
+ información: Servizo Público de Emprego Estatal:
Subsidio de desemprego para emigrantes retornados
É unha prestación de carácter periódico dirixida a protexer aos emigrantes retornados en situación de desemprego.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarias as persoas que reúnan os seguintes requisitos:
- Estar desempregado.
- Inscribirse como demandante de emprego no prazo de 30 días dende a data do seu retorno.
- Acreditar ter traballado como mínimo 12 meses nos últimos 6 anos dende a súa última saída de España, en países non pertencentes ao Espazo Económico Europeo, ou cos que non exista convenio sobre protección por desemprego (actualmente: Confederación Suíza, Australia e Bulgaria, Islas de Man, Jersey, Guernsey, Alderney, Therm y Jethou), mediante certificación expedida polas áreas ou dependencias provincias de traballo e asuntos sociais das Delegacións ou Subdelegacións do Goberno da súa provincia de residencia.
- Carecer de rendas, de calquera natureza, superiores ao 75% do salario mínimo interprofesional, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.
- Non ter rexeitado oferta de emprego axeitada nin terse negado a participar, salvo causa xustificada, en accións de promoción, formación ou reconversión profesionais, no prazo de 1 mes dende a inscrición como demandante de emprego.
- Non ter dereito á prestación contributiva por desemprego.
Contía
A contía do subsidio de desemprego se corresponderá co 80% do indicador público de renda de efectos múltiples, quedando fixada a súa contía para o ano 2005 en 375,84 € mensuais. A súa duración é de 6 meses prorrogables por outros 6 ata un máximo de 18 meses.
Solicitude e tramitación
O recoñecemento do subsidio realizarase previa solicitude da persoa interesada na oficina de emprego correspondente. O dereito nacerá a partir do día seguinte a aquel no que se cumpra o prazo de espera de 1 mes dende a súa inscrición como demandante de emprego. A solicitude formalizarase no prazo dos 15 días seguintes á finalización de dito prazo.
Caso de presentar a solicitude transcorrido o mesmo, o dereito nacerá a partir do día seguinte ao da solicitude, reducíndose a súa duración en tantos días como medien entre a data na que tivera lugar o nacemento do dereito, de terse solicitado en tempo e forma, e aquela na que efectivamente se tivera formulado a solicitude.
+ información: Servizo Público de Emprego Estatal:
Renda activa de inserción
Está dirixida aos desempregados con especiais necesidades económicas e dificultade para atopar emprego, que adquiran o compromiso de realizar actuacións favorecedoras da súa inserción laboral.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios, entre outros, os traballadores emigrantes retornados que reúnan os requisitos seguintes:
- Estar desempregado e inscrito como demandante de emprego.
- Ser maior de 45 e menor de 65 anos.
- Ter retornado do estranxeiro nos 12 meses anteriores á solicitude; ter traballado, como mínimo, 6 meses no estranxeiro dende a súa última saída de España.
- Non ter dereito ás prestacións ou subsidios por desemprego.
- Carecer de rendas, en cómputo mensual, superiores ao 75 % do Salario Mínimo Interprofesional, excluída a parte proporcional das pagas extras.
Se o solicitante carece de rendas pero ten cónxuxe e/ou fillos menores de 26 anos, ou maiores incapacitados ou menores acollidos, unicamente se entenderá cumprido o requisito de carencia de rendas cando a suma das de tódolos integrantes da unidade familiar, así constituída, incluído o solicitante, dividida polo número de membros que a compoñen, non supere o 75 % del S.M.I., excluída a parte proporcional de dúas pagas extraordinarias.
Compromiso de actividade
Para ser beneficiarios do programa, os traballadores deberán solicitalo e subscribir un compromiso de actividade en virtude do que realizarán as distintas actuacións que se determinen polo servizo público de emprego, dentro dun plan persoal de inserción, que se desenvolverá mentres o traballador se manteña incorporado ao programa.
Contía
Será igual ao 80 % do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente, quedando fixadapara o ano 2005 en 375,84 € mensuais. A duración máxima da percepción da renda será de 11 meses.
Solicitude e tramitación
Os traballadores so poderán ser admitidos ao programa e obter, no seu caso, o recoñecemento da R.A.I. previa solicitude, dende a data de entrada en vigor (27 de febreiro de 2005) ata o 31 de decembro de 2005.
O reporto da contía iniciarase transcorrido un período dun mes, contado dende a data de solicitude de admisión ao programa. O pago da R.A.I. realizarase por mensualidade de 30 días dentro do mes inmediato seguinte ao que corresponde o reporto. O pago da "axuda para incentivar o traballo" realizarase mensualmente, polos días que o traballador por conta allea a tempo completo figure en alta no correspondente réxime da Seguridade Social, ou polos días efectivos de actividade como traballador autónomo.
O nacemento e mantemento da percepción da R.A.I. comporta a obrigada participación do desempregado nalgunha das accións de inserción laboral que se lle ofrezan.
Axudas para incentivar o traballo
Os traballadores admitidos ao programa, que realicen traballo por conta propia ou allea a tempo completo, percibirán unha axuda equivalente ao 25 % da contía da renda durante un máximo de 180 días a partir do primeiro día de traballo tras a solicitude de admisión ao programa, con independencia do número de contratos de traballo ou actividades por conta propia realizadas.
A percepción da axuda non minorará a duración da renda activa de inserción, sen prexuízo de:
- A incompatibilidade da RAI coa realización simultánea de traballo por conta propia ou allea a tempo completo.
- A baixa definitiva no programa dos traballadores incorporados a el que traballen por conta propia ou allea a tempo completo, por un período de tempo igual ou superior a seis meses.
Renda de integración social de Galicia
É unha prestación social de carácter periódico destinada a garantir recursos económicos de subsistencia a quen careza deles, mediante un proxecto personalizado de inserción que, partindo das necesidades e características de cada caso, procure a autonomía persoal, familiar e económica do beneficiario, e acade a súa integración social e/ou laboral.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarias as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
- Estar empadroado e ter residencia efectiva en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, cando menos durante o ano inmediatamente anterior á formulación da solicitude.
Quedan eximidos do cumprimento deste requisito dun ano, entre outros:
- Os emigrantes galegos, nos termos sinalados no art.3 do Estatuto de Autonomía para Galicia, cando fixasen a súa residencia no territorio da Comunidade Autónoma. Ao mesmo tempo, aquelas persoas nadas en Galicia que residindo noutras comunidades autónomas volvan a fixar a súa residencia no territorio da Comunidade Autónoma galega
- Os cidadáns de estados non membros da Unión Europea precisarán, ademais, acreditar a residencia legal en España no momento da formulación da solicitude
- Ter constituída unha unidade de convivencia independente, vinculada economicamente ao solicitante.
- Ter unha idade comprendida entre os 25 e os 65 anos. Non obstante, tamén poderán ser beneficiarios:
- Menores de 25 anos que, reunindo o resto dos requisitos, teñan menores ao seu cargo.
- Maiores de 18 anos que, tendo recoñecida a condición de minusválidos, non teñan dereito a prestación ou axuda de igual ou análoga natureza.
- Maiores de 18 anos que, antes de acadar a maioría de idade, estivesen tutelados pola Xunta de Galicia e internados en centros de protección de menores ou en acollemento familiar.
- Maiores de 18 anos en situación de orfandade absoluta que, reunindo os demais requisitos, non teñan dereito a outras prestacións ou axudas de análoga natureza.
- Dispoñer de recursos económicos inferiores á contía da prestación económica da Renda de Integración Social de Galicia que lle correspondería.
- Que non existan persoas legalmente obrigadas e con posibilidade real de prestar alimentos.
Contía
Con carácter xeral, a contía estará integrada por un subsidio básico (equivalente ao 75% do importe mensual do indicador público de renda de efectos múltiples), un complemento variable (en función do número de membros da unidade de convivencia) e un complemento de inserción (determinado en función das especiais características do proxecto de inserción, dedicación e gastos que implique). En ningún caso dita contía poderá ser superior ao 125% do importe mensual do indicador público de renda de efectos múltiples. A contía do complemento de inserción non computará para os efectos da determinación deste máximo.
Non obstante o anterior, para o ano 2005, quedan fixadas as seguintes contías:
- Subsidio básico: 305,37 €/mes
- Complemento variable por membros da unidade familiar:
- 1º membro: 46,98 €
- 2º membro: 37,58 €
- 3º e máis membros: 28,19 €
Solicitude e tramitación
O recoñecemento desta prestación realizarase previa solicitude da persoa interesada presentada no departamento de servizos sociais do seu concello de residencia. A resolución da mesma corresponderalle á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.
+ información: Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.
Pensión non contributiva de invalidez
É unha prestación periódica dirixida a aqueles cidadáns españois e nacionais doutros países, con residencia legal en España, que se recoñece por padecer un determinado grao de minusvalía.
As pensións non contributivas, reguladas na Lei Xeral da Seguridade Social, aseguran aos seus beneficiarios unha prestación económica, asistencia médico-farmacéutica gratuíta e servizos sociais complementarios, aínda que non teñan cotizado ou o non o teñan feito de xeito suficiente para ter dereito a unha pensión contributiva.
Beneficiarios
Poderán ser beneficiarias as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
- Ser maior de 18 anos e menor de 65 anos de idade.
- Residir legalmente en territorio español e telo feito durante un período de 5 anos, dos cales 2 deben ser consecutivos e inmediatamente anteriores á data de solicitude da pensión.
- Estar afectados por unha minusvalía ou por unha enfermidade crónica nun grao igual ou superior ao 65%.
- Carecer de rendas ou ingresos suficientes. En termos xerais considerarase carencia de rendas cando a suma, en cómputo anual, dos que posúa o interesado sexa inferior ao importe anual establecido para a pensión non contributiva. Para o ano 2005 está fixado en 4.043,06 €. Non obstante, se o solicitante convive con outras persoas (unidas ao solicitante por matrimonio, parentesco por consanguinidade ou adopción ata o 2º grao) unicamente entenderase que cumpre con este requisito cando as persoas coas que convive non alcancen un determinado límite de ingresos.
Contía
A contía das pensións non contributivas establécese para o ano 2005 en 4.043,06 € íntegros anuais, sendo a cantidade mensual que se percibirá de 288,79 €. Establécese a contía individual para cada pensionista a partir do mencionado importe en función das súas rendas persoais e/ou das da súa unidade económica de convivencia, que en calquera caso non poderá ser inferior ao 25% do importe da pensión establecida, é dicir, 72,20 €.
A contía da pensión non contributiva de invalidez incrementarase nun 50% cando o grado de minusvalía sexa igual ou superior ao 75% e se acredite a necesidade do concurso doutra persoa para realizar os actos esenciais da vida.
Solicitude e tramitación
O recoñecemento desta prestación realizarase previa solicitude da persoa interesada presentada no departamento de servizos sociais do seu concello de residencia. A resolución da mesma corresponderalle á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.
+ información: Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.
Voltar
|