 GALICIAune é un evento que nace para institucionalizar, normalizar e intensificar a relación de Galicia cos seus cidadáns no exterior, e superar definitivamente o electoralismo no contacto entre a administración autonómica e a cidadanía emigrante. A primeira edición desenvolverase en Bos Aires, en tanto que capital do país que acolle ao maior número de emigrantes de orixe galega, pero o caracter itinerante do evento levarao en próximas convocatorias a outros países con importante presenza galega.
Galicia, que debe unir a todos os seus cidadáns, unir vontades fomentando a colaboración entre países e unir sectores claves para o desenvolvemento da comunidade, vai contar cun espazo no que, ao longo de catro días en Bos Aires, e baixo a máxima representación institucional representada pola figura do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, se estreitarán os vínculos cos galegos e galegas residentes no exterior, pero ao mesmo tempo se buscarán oportunidades de desenvolvemento social, económico e cultural máis aló das fronteiras do país.
O evento GALICIAune trasladará á Galicia exterior, entre os días 11 e 14 de marzo, unha imaxe real da Galicia do século XXI, superando vellas convencións e estereotipos que non se corresponden co país moderno, innovador e puxante que é e, consecuentemente, se dará a coñecer en Arxentina.
As transformacións experimentadas na emigración galega, con cambios xeracionais incluídos, demandan da administración o cultivo de novos espazos de colaboración tanto cos cidadáns galegos como cos países que os acollen. Os actos programados dentro do evento GALICIAune, que se prolongará durante catro xornadas, xiran, precisamente, arredor dunha intensa axenda do presidente do Executivo galego, que manterá encontros coas máximas autoridades do goberno arxentino, incluíndo ao seu presidente, Néstor Kirchner, a fin de fechar acordos bilaterais que consoliden os intereses de Galicia no país e contribúan a mellorar o benestar dos emigrantes galegos.
GALICIAune pretende achegar a realidade do país á emigración e ao tempo exemplificar o compromiso activo cos galegos e galegas no exterior, a fin de acadar a súa plena cidadanía. A ampla axenda que seguirán os representantes do goberno galego, con Pérez Touriño á cabeza da delegación, inclúe xuntanzas coa comunidade galega, encontros cos representantes dos centros galegos e visitas, entre outras actividades, a centros relevantes da emigración galega. Hoxe vivimos un proceso de profundo cambio na idiosincrasia da emigración e o Goberno galego non pode asistir como simple testemuña a un proceso no que está obrigado a intervir para defender, con novas respostas e a través de novas canles, os valores da igualdade, o progreso social e a liberdade, así como os dereitos civís, políticos, sociais e culturais de todos os cidadáns de orixe galega.
Os contactos da delegación galega coa comunidade de residentes no exterior e cos representantes do goberno arxentino veranse complementados co desprazamento ao país suramericano dunha vintena de empresas galegas dos sectores máis puxantes: a construción, a madeira, a acuicultura, as telecomunicacións, a enerxía, o audiovisual, a informática ou as finanzas. GALICIAune quere ser un compromiso coas potencialidades da empresa galega, de xeito de fomentará as accións dirixidas a ampliar e consolidar novas áreas de actuación e colaboración, facilitando a identificación de oportunidades de negocio no exterior.
GALICIAune habilitará, asemade, un recinto no que a comunidade galega e a sociedade arxentina poderán coñecer de preto o auxe que experimentan as empresas galegas. Aos stands empresariais habilitados nun dos espazos máis céntricos e prestixiosos de Bos Aires, engadiranse, como parte da axenda do desembarco da empresa galega no país suramericano, un completo programa de coloquios e intercambios con representantes da empresa, a sociedade e a política arxentina coa fin de facilitar posibles acordos comerciais.
O interese estratéxico dos intercambios bilaterais abrangue non só a economía, polo que os contactos, nesta primeira edición, entre Arxentina e Galicia, ampliaranse ao mundo da cultura, que devén nun eixe relevante moi do evento. Exposicións como a dos 25 anos do Estatuto de Autonomía de Galicia, actos con representes da intelectualidade arxentina, que hoxe transita por un dos momentos máis creativos e prestixiosos da súa historia, ou concertos protagonizados por artistas galegos e suramericanos tamén formarán parte da axenda de GALICIAune. Un evento, en fin, que aspira a trasladar ao exterior o gran momento que vive a nova e moderna Galicia. Voltar
|