Enlace á web da Secretaría Xeral de Emigración
usuarios rexistrados contrasinal
novo rexistro Vantaxes

Pasaporte español

O pasaporte ordinario español é un documento público, persoal, individual e intransferible, expedido polos órganos competentes da Administración Xeral do Estado, que acredita, fora de España, a identidade e nacionalidade dos cidadáns españois agás proba en contrario.

Todo español ten dereito a obter o seu pasaporte, salvo excepcións expresamente contempladas na lei, desde o momento no que o seu nacemento estea inscrito no Rexistro Civil.

Para a súa obtención no estranxeiro, o solicitante deberá dirixirse á representación consular onde estea inscrito. En España pode obterse nas Xefaturas Superiores e Comisarías de Policía habilitadas ao efecto.

Tramitación do pasaporte

Os solicitantes deberán presentarse na Oficina expedidora coa documentación oportuna, en todos os casos, aínda cando se trate de menores de curta idade.

Documentación requirida:

a) Maiores de idade:

  • Documento Nacional de Identidade (DNI) do solicitante en vigor, ou o caducado (acompañado do resgardo acreditativo de ter solicitado a súa renovación).
  • No caso de residentes no estranxeiro que soliciten o pasaporte nas Representacións Diplomáticas ou Consulares, poderán substituír a presentación do documento nacional de identidade polo do pasaporte en vigor ou pendente de renovar ou pola certificación literal de nacemento do Rexistro Civil ou Consulado no que se atope inscrito o nacemento.
  • Unha fotografía da face do solicitante tamaño carné, en cor e con fondo claro liso e uniforme, tomada de fronte, e sen gafas de cristais escuros ou calquera outra prenda que impida a identificación da persoa.
  • O equipo expedidor entregará ao solicitante un resgardo acreditativo do abono da taxa de expedición do pasaporte legalmente establecida, polo importe en cada momento vixente.

b) Menores de idade:

  • Os mesmos documentos que se esixen aos maiores de idade.
  • Cando a persoa que solicite a expedición do pasaporte fose menor de idade e non estivera en posesión do DNI (por non estar obrigado a súa obtención), deberá achegar certificación literal de nacemento expedida polo Rexistro Civil e o documento nacional de identidade (número de identificación de estranxeiros ou calquera outro documento identificativo expedido por autoridade oficial) da persoa que exerza a patria potestade ou tutela. Cando pola urxencia da viaxe, o menor non poda achegar a certificación literal de nacemento (por demora na súa expedición por parte do Rexistro Civil) poderase expedir a dito menor, un pasaporte tipo B que limita a súa vixencia a 3 ou 6 meses, sempre que, xunto co DNI (número de identificación de estranxeiros ou calquera outro documento identificativo expedido por autoridade oficial) da persoa que exerza a patria potestade ou a tutela, presente o libro de familia ou a resolución xudicial ou administrativa de atribución da mencionada tutela.
  • Nas solicitudes de expedición de pasaporte para menores de idade e para persoas incapacitadas deberá de constar o consentimento expreso de quen exerza a patria potestade ou tutela coa indicación de que o seu exercicio non se atopa limitado para presentalo, debendo no caso contrario suplir a súa falta con autorización xudicial. Dito consentimento se prestará ante o funcionario do órgano competente para a expedición do pasaporte.
  • O menor ten que ir sempre acompañado da persoa que exerza a patria potestade ou a tutela. Esta persoa ten que acreditar tanto a súa identidade (co DNI os españois ou coa tarxeta de residente ou pasaporte os estranxeiros) como a relación de parentesco ou asignación da tutela coa presentación da partida literal de nacemento, libro de familia, resolución xudicial ou administrativa que atribúe dita condición ou calquera outro documento público que garanta a calidade de titor ou titular da patria potestade.

Para os menores de catorce anos sen DNI é obrigatoria a certificación literal de nacemento, nos demais casos poden optar por presentar calquera dos documentos citados.

Voltar