Enlace á web da Secretaría Xeral de Emigración
usuarios rexistrados contrasinal
novo rexistro Vantaxes

Orzamentos para 2007

O Secretario Xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, durante a súa comparecencia

Emigración, cun orzamento de 18,5 millóns de euros para 2007, incrementa nun 6,1% a contía do plan estratéxico

  • A Secretaría Xeral elaborará o vindeiro ano un gran estudio de diagnóstico de tódolos centros e comunidades galegas no exterior
  • Manuel Luís Rodríguez anuncia que en 2007 as axudas asistenciais acadarán un máximo de 900 euros, é dicir, tres veces máis que en 2005
  • O Consello Galego da Inmigración, xa a probado polo Goberno, avaliará entre outras cousas o futuro Plan Galego da Inmigración 2007-2010

Santiago, 9 de novembro de 2006.- O secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, sinalou hoxe, durante a comparecencia na Comisión 3ª para avaliar as contas do seu departamento de cara ao vindeiro exercicio, que dedicar o 64% do orzamento ás políticas dirixidas aos galegos no exterior permitirá cumprir cos “obxectivos xerais de universalización da asistencia sanitaria, de atención ás especificidades da emigración galega, de dinamización da vida dos centros, promovendo o seu funcionamento democrático e autosostible, e da implicación das novas xeracións no desenvolvemento cultural e social da Galicia exterior”.

O procedemento para acadar os obxectivos esixirá “perseverar na superación de vellos comportamentos na relación entre galegos e galegas no exterior e administración”, de modo que o achegamento á cidadanía emigrante se produza dende “a transparencia, a asunción de que en tanto que cidadáns están investidos de dereitos inatacables, a obxectividade e o respecto inmaculado á dignidade persoal”. “Non debe haber espazo, nunca máis, para o paternalismo ou os privilexios á hora de establecer relacións coa cidadanía exterior”, sinalou Manuel Luís Rodríguez.

Sentado o método que facilitará a execución do orzamento, o secretario xeral cifrou a contía do mesmo para 2007 en 18.543.499 euros, é dicir, un 3,44% máis ca no ano 2006. Esta cifra permitirá que o Plan Estratéxico de Emigración 2006-2009, “ferramenta coa que se articula a actuación do Goberno galego na procura do benestar dos cidadáns residentes no exterior”, creza un 6,1%, situándose o seu orzamento en 7.650.000 euros.

O reto de universalizar a asistencia sociosanitaria motivou á Secretaría a elevar nun 22% a contía das axudas asistenciais individuais, cuxo orzamento fíxase en 1.300.000 euros, circunstancia que leva asociado o aumento da contía unitaria das axudas, e se xa en 2006 estas chegan a 700 euros por persoa, cando antes estaban nun fixo de 300, “no vindeiro ano acadarán un teito de 900 euros”. As axudas asistenciais complementarán, subliñou o secretario xeral, a política de extensión de dereitos do Goberno central, que entre 2005 e 2006 dotou a case dez mil galegos do dereito a recibir unha pensión por ancianidade.

Rede de centros de día

O responsable de Emigración ponderou o feito de que en 2007 consolidarase a rede de centros de día, con espazos e novas prazas en Venezuela, Uruguai e Brasil. A aposta pola prestación de servizos a través de fogares diúrnos “busca trasladar o modelo do Estado do Benestar á emigración, onde a calidade de vida dos galegos que residen no exterior eríxese en obxectivo prioritario do Plan Estratéxico”.

A nova orientación das políticas xustifica que no vindeiro ano se procede a potenciar un novo modelo de atención aos cidadáns galegos, que pasa por dispor dunha atención profesionalizada e unha xestión racional e responsable dos recursos públicos, promovendo a concertación de prazas en centros xeriátricos pertencentes aos países de acollida “e que avalen unha contrastada calidade dos seus servizos”.

Aínda no eido asistencial, Rodríguez amosou a súa total disposición a traballar para establecer os mecanismos administrativos que permitan dende a Secretaría a extensión da Lei de Dependencia aos emigrantes de orixe galega.

Diagnóstico da situación dos centros

O Goberno galego, no recoñecemento de que os centros son unha magnífica carta de presentación de Galicia no exterior, aposta por dinamizar o seu papel aglutinador da comunidade, de xeito que as partidas destinadas a adquisición e modernización das infraestruturas dos locais das entidades superará o 12%. A Secretaría Xeral asume a necesidade de impulsar un proceso que subliñe o papel dos centros galegos na difusión dos sinais de identidade de Galicia no exterior, polo que abrirá “unha etapa na que se inverta no seu prestixio”, que obrigará ás institucións a garantir “un funcionamento democrático interno que nalgúns casos se puido ter desviado, e a practicar unha xestión transparente e eficaz”.

Neste senso, Manuel Luís Rodríguez anunciou que o orzamento de 2007 está deseñado para que se emprenda un gran estudo de diagnóstico dos centros e comunidades galegas no exterior, coa fin de “coñecer de primeira man as fortalezas e debilidades dos mesmos, as necesidades e demandas reais dos cidadáns así como a situación social e económica na que se atopan os centros no momento actual”.

Fomentar a creatividade dos mozos

A necesidade de garantir no tempo a influencia dos centros galegos esixe potenciar liñas de actuación que motiven ás novas xeracións a participar na vida asociativa, circunstancia que fai necesario un proceso de achegamento que só é posible acadar se os novos programas se deseñan valorando, en primeira instancia, as demandas, os intereses, en fin, as expectativas da mocidade de orixe galega. Manuel Luís Rodríguez subliñou, neste capítulo, a política pola formación e a creatividade, citando os cursos on line de próxima creación ou a política de bolsas ao estudio. As bolsas de postgrao, dirixidas a titulados universitarios de orixe galega ou descendentes con residencia no estranxeiro e instituídas no presente ano,  incrementan o seu orzamento nun 50%, ata acadar os 150.000 euros. Estarán complementadas coas bolsas para cursar estudos no Sistema Universitario Galego por parte de fillos e netos de galegos, con residencia familiar no estranxeiro, con especiais aptitudes para o estudo, e con insuficientes medios económicos. O orzamento previsto será de 220.000 euros.
A compromiso asumido no seu día para “superar os anos da vindicación do folclore como única expresión cultural no exterior”, leva á Secretaría Xeral de Emigración a apoiar a creatividade. Deste xeito increméntanse nun 57% as partidas para incentivar, mediante concursos, o talento dos mozos no exterior. Ás modalidades de concursos xa existentes, como os de novela curta, ou fotografía, agora engadiranse certames que abranguen campos da creación coma os curtametraxes, os documentais, a investigación histórica, as maquetas musicais ou as composicións corais.

O retorno

A política de retorno estará baseada en dous eixes fundamentais: a información e as prestacións. No exercicio 2007 disporase dun orzamento de 400.000 euros para cubrir as necesidades que se detecten neste eido. Este orzamento, no eixe informativo, permitirá actuar nos países da emigración e na comunidade autónoma.

Plan Galego da Inmigración 2007-2010

A política de inmigración contará cun orzamento de 3,5 millóns de euros, que serán complementados coas achegas do Goberno central, asegurou o responsable do departamento. As políticas de inmigración, pensadas dende un prisma integral, primarán o papel das entidades locais, e por esa razón aumentaranse achegas ás mesmas nun 37%.

2007 será o ano no que inicie as súas actividades o Consello Galego da Inmigración, entre as que as máis relevantes será o estudo e ditame sobre o Plan Galego da Inmigración 2007-2010. Os principios xerais inspiradores do mesmo serán: integración e acomodación, coordinación interinstitucional, corresponsabilidade na definición e execución das políticas, normalización, igualdade, integralidade e transversalidade, globalidade e interculturalidade.