O secretario xeral de Emigración felicita o Nadal |
O futuro de Galicia modélase cada día, e no exercicio de preparar ao país para consolidar a súa modernidade e ao tempo volver indestrutibles as súas raíces, as institucións galegas queren contar con vós. Primeiro recoñecendo a vosa contribución á definición da nosa historia, e a continuación, deseñando accións específicas tendentes a atender as vosas necesidades. Galicia, que é un país con vocación cosmopolita, constitúese hoxe tamén nunha sociedade de acollida de cidadáns de outros países, e a eles tamén desexo dirixerme para expresarlles que polas súas mans tamén pasa o futuro da nosa terra. Igualmente, quero subliñar que cando os fluxos migratorios son cada vez máis dinámicos, é unha satisfacción recibir de novo na nosa terra a aqueles que un día partiron en busca dun destino próspero e agora retornan a Galicia. Non quixera rematar esta mensaxe sen transmitirvos, en nome de todo o Goberno e especialmente do seu presidente, Emilio Pérez Touriño, o desexo de que no ano 2007 se cumpran os anhelos de paz e prosperidade, e se acaden os soños individuais e colectivos de todos os galegos, vivan onde vivan, que día a día erguen máis alto este país. Bo Nadal a todos e todas. |