Enlace á web da Secretaría Xeral de Emigración
usuarios rexistrados contrasinal
novo rexistro Vantaxes

Para maiores de 65 anos

Prestación por desemprego de nivel contributivo

O Servizo Público de Emprego Estatal é o organismo autónomo dependente do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, encargado da xestión e control das prestacións por desemprego, salvo para os traballadores incluídos no Réxime Especial da Seguridade Social dos traballadores do mar, das que se encarga o Instituto Social da Mariña (ISM).

Trátase de protexer aquela situación de desemprego de quen, podendo e querendo traballar, perda o seu emprego de forma temporal ou definitiva, ou vexa reducida temporalmente, polo menos nunha 3ª parte a súa xornada laboral, por expediente de regulación de emprego, coa correspondente perda ou redución análoga de salarios, por algunha das causas establecidas como situacións legais de desemprego.

Beneficiarios

Poderán ser beneficiarios, entre outros, os traballadores emigrantes retornados que cumpran os seguintes requisitos:

  • Acreditar a condición de emigrante retornado mediante a certificación expedida polas áreas ou dependencias provinciais de traballo e asuntos sociais das Delegacións ou Subdelegacións do Goberno da súa provincia de residencia. Cando se trate de traballadores retornados dun país da Unión Europea, Espazo Económico Europeo, confederación Suíza ou outros cos que exista convenio en materia de desemprego (actualmente Australia e Bulgaria, Islas de Man, Jersey, Guernsey, Alderney, Therm y Jethou), deberán vir provistos do correspondente formulario.
  • Ter cotizacións por desemprego computables á Seguridade Social española de, polo menos, 12 meses durante os 6 anos anteriores á última saída de España, salvo que o traballador teña cotizacións no estranxeiro que sexan computables (actualmente, países da Unión Europea, Espazo Económico Europeo, Confederación Suíza, Australia e Bulgaria), en cuxo caso o cómputo de 6 anos efectuarase dende a data na que finalice a relación laboral última situación legal de desemprego en España.
    Se o traballador non xera unha situación legal de desemprego en España tras o retorno, só poderán computarse as cotizacións efectuadas nos 6 anos anteriores á saída de España, pero si se produce situación legal de desemprego e as cotizacións efectuadas no país de emigración son computables, teranse en conta as cotizacións dos 6 anos anteriores á mencionada situación legal de desemprego.
  • Atoparse en situación legal de desemprego, acreditar dispoñibilidade para buscar activamente emprego e para aceptar colocación axeitada.
  • Inscribirse como demandante de emprego e solicitar a prestación na oficina de emprego nos 15 días hábiles seguintes seguintes á última situación legal de desemprego.
  • Non ter cumprida a idade ordinaria que se esixa en cada caso para causar dereito á pensión contributiva de xubilación, salvo que non se teña acreditado o período de cotización necesario para isto.
  • Non estar incluído nalgunha das causas de incompatibilidade.

Contía

A contía determinarase en función da base reguladora que teña o traballador. O importe a percibir será: o 70% da base reguladora durante os 180 primeiros días e a partir do día 181 o 60%. A súa duración estará en función dos períodos de ocupación cotizadaen rexímenes da Seguridade Social que contemplen esta continxencia nos 6 anos anteriores á situación legal de desemprego, ou ao momento en que cesou a obriga de cotizar. A duración mínima da prestación é de 120 días e a máxima de 720 días.

A contía das prestacións por desemprego está topada en función do número de fillos a cargo- art. 211 do TRLGSS-

Solicitude e tramitación

O recoñecemento da prestación realizarase previa solicitude da persoa interesada na oficina de emprego correspondente. O dereito á prestación nace a partir de que se produza a situación legal de desemprego, sempre que a solicitude se formule dentro dos 15 días seguintes a dita data. A solicitude requerirá a inscrición como demandante de emprego se a mesmanon se efectuase previamente. De non facelo dentro do prazo mencionado, recoñecerase a prestación a partir do momento da solicitude, perdendo tantos días de prestación como medien entre a data na que se debeu solicitar e aquela na que realmente se levou a cabo, inclusive.

+ información: Servizo Público de Emprego Estatal:


Prestación por desemprego na súa modalidade de pago único

Poderá aprobarse o abono da prestación por desemprego na súa modalidade de pago único sempre que o titular do dereito á prestación por desemprego:

  • Vaia establecerse, de forma estable e a tempo completo ou parcial como socio traballador en cooperativas ou sociedades laborais nas que previamente non tivera cesado. Neste caso aboarase o importe que corresponda a súa achega obrigatoria.
  • O solicite na correspondente Dirección Provincial do Servizo Público de Emprego.
  • Acompañe á solicitude de memoria explicativa sobre o proxecto de inversión, actividade a desenvolver e documentos que acrediten a súa viabilidade. Non será necesario presentar a memoria cando se trate de cooperativas ou sociedades laborais xa constituídas que tiveran iniciado a sua actividade anteriormente.
  • Teña pendente de percibir, polo menos, 3 mensualidades de prestación.
  • Tamén poden capitalizar a prestación (polo importe que corresponda ó investimento necesario para o desenvolvemento da actividade) aqueles traballadores afectados dalgunha minusvalía igual ou superior ao 33%, que pretendan autoempregarse como autónomos.
  • Deben ter transcorrido polo menos 4 anos dende que se exerceu o dereito a esta modalidade de pago por última vez.
  • Tamén poden acceder os beneficiarios de prestacións por desemprego que inicien a sua actividade por conta propia, sen minusvalía igual ou superior o 33%, aboándolles, no seu caso, o importe da inversión necesaria para desenvolver a actividade, co límite máximo do 20% do importe da prestación por desemprego pendente de percibir

Unha vez percibido o importe da prestación, nesta modalidade de pago único, deberá iniciarse a actividade no prazo máximo dun mes e darse de alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

+ información: Servizo Público de Emprego Estatal:

Subsidio de desemprego para emigrantes retornados

É unha prestación de carácter periódico dirixida a protexer aos emigrantes retornados en situación de desemprego.

Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

  • Estar desempregado.
  • Inscribirse como demandante de emprego no prazo de 1 mes dende a data do seu retorno.
  • Acreditar ter traballado como mínimo 12 meses nos últimos 6 anos dende a súa última saída de España, en países non pertencentes ao Espazo Económico Europeo, ou cos que non exista convenio sobre protección por desemprego (actualmente: Confederación Suíza, Australia e Bulgaria), mediante certificación expedida polas áreas ou dependencias provinciais de traballo e asuntos sociais das Delegacións ou Subdelegacións do Goberno da súa provincia de residencia.
  • Carecer de rendas, de calquera natureza, superiores ao 75% do salario mínimo interprofesional, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.
  • Non ter rexeitado oferta de emprego axeitada nin terse negado a participar, salvo causa xustificada, en accións de promoción, formación ou reconversión profesionais, no prazo de 1 mes dende a inscrición como demandante de emprego.
  • Non ter dereito á prestación contributiva por desemprego.

Contía

A contía do subsidio de desemprego se corresponderá co 80% do indicador público de renda de efectos múltiples, quedando fixada a súa contía para o ano 2005 en 375,84 € mensuais. A súa duración é de 6 meses prorrogables por outros 6 ata un máximo de 18 meses.

Solicitude e tramitación

O recoñecemento do subsidio realizarase previa solicitude da persoa interesada na oficina de emprego correspondente. O dereito nacerá a partir do día seguinte a aquel no que se cumpra o prazo de espera de 1 mes dende a súa inscrición como demandante de emprego. A solicitude formalizarase no prazo dos 15 días seguintes á finalización de dito prazo.

Caso de presentar a solicitude transcorrido o mesmo, o dereito nacerá a partir do día seguinte ao da solicitude, reducíndose a súa duración en tantos días como medien entre a data na que tivera lugar o nacemento do dereito, de terse solicitado en tempo e forma, e aquela na que efectivamente se tivera formulado a solicitude.

+ información: Servizo Público de Emprego Estatal:

Pensión contributiva de xubilación

Dirixida as persoas maiores que cesen total ou parcialmente na súa actividade laboral, que cotizaran como mínimo 15 anos á Seguridade Social española.

Ademais, con carácter xeral, aqueles que cotizaran un período mínimo de 1 ano á Seguridade Social española, poderán acceder á pensión contributiva sempre que cos anos cotizados nalgún dos países cos que España ten subscrito convenio, cumpra os requisitos establecidos na lexislación española.

+ información: Secretaría de Estado para a Seguridade Social

Pensión do seguro obrigatorio de vellez e invalidez

O SOVI, Seguro Obrigatorio de Vellez e Invalidez, era o réxime de protección existente antes do actual sistema de Seguridade Social que cubría as continxencias de vellez (xubilación) e invalidez. Na actualidade subsiste para os traballadores que cotizaron antes do ano 1967.

Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

  • Ter cumpridos os 65 anos de idade ou 60 no suposto de vellez por causa de incapacidade.
  • Non ter dereito a ningunha outra pensión a cargo dos réximes que integran o sistema da Seguridade Social ou a sectores laborais pendentes de integración no mesmo.
  • Ter estado afiliado ao Réxime do Retiro Obreiro ou ter cubertos 1.800 días de cotización ao Réxime do Seguro Obrigatorio de Vellez e Invalidez antes de 1-1-67.

Contía

Consiste nunha pensión imprescritible, vitalicia e de contía fixa. Se non existe concorrencia con outras pensións o importe está constituído pola pensión básica máis as melloras. Para o ano 2005 dito importe está fixado en 313,21 € mensuais

Solicitude e tramitación

O recoñecemento desta prestación realizarase previa solicitude da persoa interesada presentada en calquera dos Centros de Atención e Información da Seguridade Social.

+ información: Secretaría de Estado para a Seguridade Social:


Pensión non contributiva de xubilación

É unha prestación periódica dirixida a aqueles cidadáns españois e nacionais doutros países con residencia legal en España, que se atopen en estado de necesidade, carezan de recursos económicos suficientes para a súa subsistencia, inda que non cotizaran nunca ou o tempo suficiente para alcanzar prestacións de nivel contributivo.

As pensións non contributivas, reguladas na Lei Xeral da Seguridade Social, aseguran aos seus beneficiarios unha prestación económica, asistencia médico-farmacéutica e servizos sociais complementarios, aínda que non cotizaran ou non o fixeran de xeito suficiente para ter dereito a unha pensión contributiva.

Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

  • Ter cumpridos os 65 anos de idade.
  • Residir legalmente en territorio español e telo feito durante un período de 10 anos entre a idade dos 16 e a do reporto da pensión, dos que 2 deberán ser consecutivos e inmediatamente anteriores á data de solicitude da pensión.
  • Carecer de rendas ou ingresos suficientes. En termos xerais considerarase carencia de rendas cando a suma, en cómputo anual, dos que posúa o interesado sexa inferior ao importe anual establecido para a pensión non contributiva. Para o ano 2005 está fixado en 4.043,06 €.
    Non obstante, se o solicitante convive con outras persoas (unidas ao solicitante por matrimonio, parentesco por consanguinidade ou adopción ata o 2º grao) unicamente se entenderá que cumpre con este requisito cando as persoas coas que convive non acaden un determinado límite de ingresos.

Contía

A contía das pensións non contributivas establécese para o ano 2005 en 4.043,06 € íntegros anuais, sendo a cantidade mensual que se percibirá de 288,79 €.

Establécese a contía individual para cada pensionista a partir do mencionado importe en función das súas rendas persoais e/ou das da súa unidade económica de convivencia; en calquera caso a contía non poderá se inferior ao 25% do importe establecido, é dicir, 72,20 €.

Solicitude e tramitación

O recoñecemento desta prestación realizarase previa solicitude da persoa interesada presentada no departamento de servizos sociais do seu concello de residencia. A resolución da mesma corresponderá á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

+ información: Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais:

Pensión asistencial por ancianidade a favor dos emigrantes españois retornados

É unha prestación periódica que trata de garantir un mínimo de subsistencia aos emigrantes españois beneficiarios das pensións asistenciais de ancianidade que retornen a España.

Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

  • Emigrantes españois que retornen a España.
  • Que foran beneficiarios durante un período mínimo de 2 anos consecutivos e inmediatamente anteriores ao retorno das pensións asistenciais por ancianidade a favor dos emigrantes españois.
  • Que reúnan tódolos requisitos para ter dereito á pensión non contributiva de xubilación do sistema español da Seguridade Social, excepto o período de residencia esixido en España (ver apartado 5.2.5.).

Contía

Con carácter xeral, a contía será a que se estableza para as pensións de xubilación na súa modalidade non contributiva. Para o ano 2005 dita contía fíxase en 4.043,06 € anuais. Non obstante, establecerase a contía individual para cada pensionista a partir do mencionado importe, en función das rendas persoais e/ou das da súa unidade económica de convivencia.

O dereito á pensión asistencial que tiveran recoñecida manterase ata que se alcance o dereito a unha pensión do sistema de Seguridade Social ou a outra pensión pública, prestación ou subsidio de calquera administración pública española.

Para máis información consultar o arquivo adxunto (ao final da páxina) que contén o texto do REAL DECRETO 1612/2005, de 30 de decembro, polo que se modifica o Real Decreto 728/1993, de 14 de maio, polo que se establecen pensións asistenciais de ancianidade en favor dos emigrantes españois.

Solicitude e tramitación

O recoñecemento desta prestación realizarase previa solicitude da persoa interesada presentada nas Áreas e Dependencias Provinciais de Traballo e Asuntos Sociais das Subdelegacións do Goberno. A resolución da mesma corresponderá á Dirección Xeral de Migracións.

+ información: Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais:

Pensións a favor dos españois retornados que emigraron durante o período 1936-1942

Os españois que emigraron de España durante o período 1936-1942 como consecuencia da guerra civil, terán dereito cando retornen a España, a ser beneficiarios de forma transitoria das pensións asistenciais por ancianidade establecidas a favor dos emigrantes españois, sempre que reúnan tódolos requisitos, excepto o de residencia no estranxeiro, ata que acaden o dereito a unha pensión do sistema da Seguridade Social ou outra pensión pública.

Solicitude e tramitación

O recoñecemento desta prestación realizarase previa solicitude da persoa interesada presentada nas Áreas e Dependencias Provinciais de Traballo e Asuntos Sociais das Subdelegacións do Goberno. A resolución da mesma corresponderá á Dirección Xeral de Migracións.

+ información: Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais.


El tipo mime del documento es: application/pdfReal Decreto 1612/2005 do 30 de decembro [es]
REAL DECRETO 1612/2005, de 30 de decembro, polo que se modifica o Real Decreto 728/1993, de 14 de maio, polo que se establecen pensións asistenciais por ancianidade en favor de emigrantes españois.