Enlace á web da Secretaría Xeral de Emigración
usuarios rexistrados contrasinal
novo rexistro Vantaxes

Xosé María Álvarez Blázquez - Vida

Xosé María Álvarez Blázquez, en 1932 1915 O día 4 de febreiro nace Xosé María Álvarez Blázquez no número 11 da Rúa Elduayen de Tui (hoxe Paseo da Corredoira). É o terceiro dos seis fillos varóns que tiveron o médico pontevedrés Darío Álvarez Limeses e María Blázquez Ballester, nada en Matanzas (Cuba) e filla de cubana e levantino.

1931-1932 Trasládase a Pontevedra para estudar Maxisterio. Logo de publicar varios poemas en xornais de Pontevedra e Tui edítase Abril , o seu primeiro libro de poesía, en castelán. Con Xoán Vidal funda a revista Cristal .

1934 Pronuncia en Pontevedra, a instancias de Alexandre Bóveda, o discurso "Berro en lembranza dos herois de Carral". Publícano as Mocedades Galeguistas, nas que milita.

1935-1936 Comeza a exercer a docencia na Guarda. Ingresa no Partido Galeguista e escribe o libro de relatos Os ruíns . Comeza Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, pero a guerra ponlle fin. En Tui, a resistencia republicana remata por sucumbir e o seu pai é un dos seus dirixentes: o doutor Darío Álvarez Limeses é fusilado o 30 de outubro. Xosé María é desterrado a Coreses (Zamora).

1941-1944 De novo en Vigo, Xosé María crea cos seus irmáns unha fábrica de ladrillos en Nigrán que un accidente obrigará a pechar en 1945. Nos anos corenta compaxinará diversos traballos coa literatura, a investigación e a arqueoloxía, chegando a dirixir numerosas escavacións en Vigo.

1945 A súa novela En el pueblo hay caras nuevas queda finalista do primeiro Premio Nadal.

1946 Casa con María Luísa Cáccamo Frieben, con quen terá a María Luísa -coñecida como Colorín-, Xosé María, Alfonso, Helena, Celso e Berta.

1948-1950 Abre con Luís Viñas Cortegoso a libraría anticuaria Monterrey. Publícase na colección Benito Soto Poemas de ti e de min , dúas obras independentes que asinan Xosé María, unha, e o seu irmán Emilio, a outra. É nomeado membro correspondente da Real Academia Galega e Comisario de Escavacións Arqueolóxicas de Vigo.

En Frómista (Palencia) en 19771950-1959 Funda a Editorial Monterrey, decisiva contribución ao clima de recuperación cultural que se vive en Galicia. Nesta editorial saen publicadas Roseira do teu mencer , dedicada a Colorín, Cancioeiro de Monfero e Romance do escritor peleriño . Tamén escribe a súa mellor obra lírica, Canle segredo , pola que recibe o Premio Pondal do Centro Galego de Bos Aires e que non será publicada en Galicia até 1976. Tamén publica tres novelas en castelán e as súas escolmas de poesía galega medieval e dos séculos escuros.

1960 Publica La ciudad y los días , enorme corpus histórico sobre a cidade de Vigo.

1964 Ingresa na Real Academia Galega co discurso "Cantares e romances vellos prosificados". Cos seus irmáns funda Edicións Castrelos, cuxa primeira colección é "Cuadernos de Arte Gallego".

1967 Tras vivir arredor dun ano en Oviedo, a familia retorna a Vigo ao coñecer a grave doenza de Colorín. Alí, Xosé María profesionalízase como editor: nacen as coleccións "O Moucho" e "Pombal".

1968-1969
Regresa á docencia na Escola Náutico-Pesqueira de Vigo. Vai a Arxentina, convidado polo Centro Galego de Bos Aires, e a Venezuela, onde visita o seu sobriño Darío e o seu gran amigo Celso Emilio Ferreiro.

1970 Morre Colorín.

1971 Volve publicar prosa en galego: A pega rabilonga e outras historias de tesouros .

1976 É nomeado Cronista Oficial da Cidade de Vigo. Publícase Canle segredo na colección "Pico Sagro" das Edicións Castrelos.

1977 A súa muller María Luísa contrae unha grave meninxite. Sobrevive, mais queda totalmente xorda.

1979 Morren o seu irmán Darío e Celso Emilio Ferreiro. Xosé María véndelle a Galaxia todos os fondos de Castrelos, en ausencia de alguén a quen confiarlle a editorial.

1981 Noméano xefe do Departamento de Historia do Museo Quiñones de León, máis coñecido por Museo de Castrelos, e recibe o Pedrón de Ouro.

1982 Escribe o poema "Solpor".

1983 Retírase da docencia. Pecha simbolicamente a candidatura do Partido Galeguista ao Concello de Vigo. Unha doenza cardíaca impídelle continuar coa súa actividade incansábel.

1985 Logo de dous anos de enfermidade, Xosé María Álvarez Blázquez morre o 2 de marzo en Vigo.

1987 Publícase a súa Poesía galega completa , edición elaborada polo seu fillo Xosé María.

1995 Sae Sonetos del alba insomne , tamén a iniciativa de Xosé María Álvarez Cáccamo. O libro fora escrito entre 1955 e 1965.

2007 A Academia Galega acorda dedicarlle o Día das Letras 2008.

2008 Ano de Xosé María Álvarez Blázquez.

Voltar