Xesús San Luís Romero
O zapateiro poeta

Xesús San Luís Romero naceu en Carballo o 9 de setembro de 1872. Fillo de Francisco San Luís e Eugenio Romero, seu pai tiña na casa un obradoiro de zapataría. Unha nenez enfermiza impediu que fora á escola até os 8 anos. Tras cursar os estudos primarios comezou a traballar como aprendiz de zapateiro. Afeccionado á lectura e ao teatro, participou como actor en varios obras.
En 1891 morreu súa nai e nese mesmo ano conseguiu librar de quintas por excedente de cupo. Decidiu seguir entón o camiño da emigración. Chegou á Arxentina a comezos de 1892. Comezou a traballar como operario e máis tarde foi cortador en varios fábricas de calzado. Intégrase decontado na actividade cultural da colonia galega, sendo asociado ao Orfeón Gallego e máis tarde no Orfeón Gallego Primitivo. En 1898 participou na recadación de fondos para regalar ao Goberno español o cruceiro Río de la Plata, con motivo da guerra cos Estados Unidos.
Foi colaborador do xornal El Eco de Galicia, onde empregou o alcume de "Un mozo bergantiñán". Pertenceu á xunta directiva do Orfeón Gallego de Bos Aires. O 23 de abril 1898 representou, no teatro do Orfeón Español, a comedia O xastre aproveitado, na cal o papel de protagonista foi representado polo propio autor. Neste mesmo local representaría o monólogo ¡Haz que se duerma, Dios mío!. Estreou tamén en Bos Aires o monólogo ¿Por qué me namorei?. En 1898 publicou en Bos Aires as revistas folclórico-musicais Unha noite no muíño, obra que representaría en 1959 en Santiago de Compostela, e A romaxe de San Campio. Finalmente, no mesmo 1898, daría ao prelo o monólogo No quinteiro. Xunto co mestre Hedigio Paz Hermo comezou a escribir a zarzuela Os netos do abó, aínda que esta obra quedou sen rematar. O 8 de setembro de 1900 casou con Manuela Iglesias Sampaio, natural de Lalín.
Regresou a Galiza en 1902 asentándose en Santiago de Compostela, onde abriu unha zapataría. En 1910 fíxose socio do Centro Republicano e publicou no xornal desta institución, La Defensa, o poema Chamada ôs caciques. Entre 1920 e 1930 foi tres veces presidente do Centro Republicano. En Compostela continuou tamén coa súa actividade de dramaturgo. Así, o 17 de xaneiro de 1918 estreou a peza O Fidalgo; esta peza ten por protagonista a un mozo da comarca de Bergantiños que loita contra o poder dos caciques na comarca de Bergantiños. O 23 de xaneiro de 1921 estreaba Rosiña. En 1928 publicaría o poema A volta do bergantiñán, na que conta o tráxico regreso dun emigrante. A súa obra Dúas estampas galegas foi premiada pola Casa de Galicia de Nova York.
En 1930 participou no Pacto de Lestrove, do que sairía a Federación Republicana Gallega. Foi elixido concelleiro nas eleccións municipais do 12 de abril de 1931, comicios que precipitaron a proclamación da II República en España. Máis tarde foi tenente de alcalde e alcalde accidental durante dous meses; pertenceu ás comisións de abastos e beneficencia. Foi presidente en Santiago do Partido Radical-Socialista. Co levantamento militar contra a República, primeiro foi multado e máis tarde, en 1937, encarcerado acusado de pertencer á masonaría. En 1940 saíu en libertade, pero en 1941, e en aplicación da lei de represión da masonaría e do comunismo, foi novamente encarcerado. Tras pasar por varias prisións, saíu en liberdade en 1944.
Faleceu en Santiago de Compostela o 23 de setembro de 1966.
En 1999 a Libraría Folllas Novas de Santiago de Compostela editou a obra Versos escritos en Buenos Aires e outros poemas, escolma da poesía de San Luis publicada durante a súa emigración bonaerense. Esta mesma libraría publicou a súa obra Xenreira (Santiago de Compostela: Follas Novas, 2002).
ÁLBUM DA EMIGRACIÓN
O Álbum da Emigración recupera as figuras máis destacadas das colectividades galegas en América, así como as súas principales creacións. Unha achega á memoria da nosa emigración.
O ÁLBUM DA EMIGRACIÓN é un proxecto do Arquivo da Emigración Galega (contidos) e culturagalega.org (deseño)
Correo electrónico: aemigracion@consellodacultura.org
Tel: +34 981 557351 / Fax: +34 981 582985

Consello da Cultura Galega
OCUPACIÓN...
Literario / Letras
