Enlace á web da Secretaría Xeral de Emigración
usuarios rexistrados contrasinal
novo rexistro Vantaxes

Organización do sistema educativo en Galicia

a. O sistema educativo español

O sistema educativo español, está organizado do seguinte modo:

Educación Infantil

Ten carácter voluntario e comprende ata os 6 anos. A súa función é contribuír ao desenvolvemento físico, intelectual, afectivo, social e moral dos nenos.

Educación Primaria

É o primeiro tramo da educación obrigatoria e comprende 6 cursos académicos, desde os 6 ata os 12 anos, pretende proporcionar a todos os nenos unha educación común que faga posible:

  • A adquisición dos elementos básicos culturais.
  • Os aprendizaxes relativos á expresión oral, á lectura, á escritura e ao cálculo aritmético.
  • Unha progresiva autonomía de acción no seu medio.

Educación Secundaria Obrigatoria

É o tramo que completa a ensinanza básica e comprende 4 cursos académicos, entre os 12 e os 16 anos de idade, pretendendo:

  • Transmitir a todo o alumnado os elementos básicos da cultura.
  • Formalo para asumir os seus deberes e exercer os seus dereitos.
  • Preparalo para a incorporación á vida activa ou para acceder á formación específica de grao medio.

Bacharelato

Non é obrigatorio, comprende 2 cursos académicos, normalmente entre os 16 e os 18 anos. Pretende a formación xeral dos alumnos, a súa orientación e preparación tanto para os estudos universitarios como para os de Formación Profesional específica, con vistas a súa incorporación á vida activa

Formación Profesional

Comprende un conxunto de ciclos formativos de grao medio e de grao superior cunha duración total de entre 1.300 e 2.000 horas, que se organizan en módulos profesionais de formación teórico-práctica.

Para acceder aos ciclos de grao medio hai que posuír o Título de Graduado en Educación Secundaria ou Titulación equivalente. Para acceder aos ciclos de grao superior hai que estar en posesión do Título de Bacharelato LOGSE, ou dunha titulación universitaria ou equivalente.

O catálogo de ciclos está agrupado en Familias Profesionais, que abarcan todo o campo produtivo de bens e servizos. Dentro do programa formativo se establece con carácter obrigatorio a realización duns módulos de formación en centros de traballo, cunha duración medio de 400 horas, variable segundo as profesión.

O seu obxectivo é completar a formación recibida no centro educativo e avaliar a competencia profesional do alumnado en situacións reais de traballo.

Programas de Garantía Social

Forman parte das medidas de atención á diversidade e permiten dar unha resposta adecuada ao alumnado que non acade os obxectivos da educación básica e profesional, que lle posibilite a incorporación á vida activa ou proseguir os estudos nas distintas ensinanzas, especialmente na formación profesional específica dos grandes ciclos de grao medio.

Estes programas:

  • Son programas de carácter non regulado.
  • A súa finalidade esencial é facilitar a inserción laboral ou a reinserción educativa dos xoves.
  • Proporcionan unha formación básica e profesional que lles permiten incorporarse á vida activa ou proseguir estudos na Formación Profesional de grao medio, a través dunha proba de acceso.

Ensinanza de réxime especial

Comprenden as ensinanzas artísticas e as ensinanzas de idiomas.

Educación de persoas adultas

A poboación maior de 18 anos conta cunha oferta que lle permite adquirir, actualizar, completar ou ampliar coñecementos e aptitudes para o seu desenvolvemento persoal e profesional. Tamén poden acceder os maiores de 16 anos que non podan continuar no réxime ordinario da ESO.

Estas ensinanzas poden seguirse mediante as modalidades presencial, semipresencial e a distancia e, a través de elas, obter os títulos de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria, de Bacharelato, e de técnico de Formación Profesional, tanto de grao medio como superior.

LEMBRE: en España a educación básica é obrigatoria e gratuíta e comprende desde o 6 ata os 16 anos de idade.

Organigrama do sistema educativo español

+ información: Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

b. Educación Universitaria

Información xeral

Os estudantes que finalizasen o Curso de Orientación Universitaria, Bacharelato Experimental ou segundo curso do Bacharelato establecido pola LOGSE poderán continuar na Universidade a súa formación intelectual e profesional, sempre e cando superen as probas de acceso á mesma.

Non obstante os estudantes procedentes do COU e Bacharelato Experimental poderán acceder directamente ás ensinanzas que conducen exclusivamente á obtención de títulos de só primeiro ciclo (Diplomado, Arquitecto ou Enxeñeiro Técnico).

Por outra parte os alumnos que superasen os Ciclos Formativos de Grao Superior, Módulos de nivel 3, o Formación Profesional de 2º grao OU Ciclos Formativos de Grao Superior de Artes Plásticas, terán acceso a cursar estudios universitarios relacionados coas ensinanzas que cursaron.

Ónde solicitar praza

Poderase solicitar o inicio de estudios nas distintas Universidades públicas cos seguintes criterios.

En calquera Universidade:

  • Os estudantes procedentes de centros públicos españois situados no estranxeiro.
  • Os estudantes estranxeiros ou españois que xustifiquen a súa residencia no estranxeiro, que cursasen estudios estranxeiros convalidables polo Bacharelato-Logse ou COU, Ciclos Formativos de Grao Superior ou Formación Profesional de 2º Grao, incluídos os cursados en centros estranxeiros autorizados en España.

Cando solicitar o ingreso

Cada Universidade fará públicos os procedementos, prazos específicos e documentación necesaria para realizar a solicitude de ingreso nalgún dos seus centros.

Do mesmo xeito, as Universidades da Igrexa e a Universidades privadas estableceran os seus propios prazos de matrícula, dos que facilitarán a información os seus respectivos Reitorados.

Como acceder á Universidade Española desde o estranxeiro

En España, é a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) a que organiza, para estudantes estranxeiros, as probas de aptitude que, unha vez superadas, dan acceso á Universidade. Tamén se pode optar por realizalas na Universidade que previamente elixa o estudante (neste caso o temario de exame será o común co dos estudantes españois, incluíndo no caso das universidades galegas a proba de idioma galego).

Para poder presentarse a estas probas cumpriranse os seguintes requisitos:

  • Ter cursado fora de España estudios estranxeiros convalidables polo Bacharelato LOGSE ou o COU.
  • Acreditar, mediante documentos expedidos polo Ministerio de Educación e Ciencia, ter convalidados os estudios cursados no estranxeiro ou polo menos, telo solicitado.
  • Achegar coa solicitude a documentación acreditativa dos cursos realizados nos sistemas educativos estranxeiros, debidamente legalizados e traducidos.
  • Acreditar a condición de residente no estranxeiro durante o tempo dos estudios, mediante a certificación consular.
  • No caso de non poder acreditar a residencia da forma indicada anteriormente, deberá probar a condición de Emigrante.
  • A falta de algún documento por razóns de calendario escolar, poderá aceptarse a inscrición con carácter condicional.

Organización e prazos

As probas realizaranse en Madrid en dúas convocatorias anuais:

  • En xuño.
  • En setembro.

O Reitor da UNED establecerá as datas, horas e lugares de realización das probas.

Excepcionalmente, e dependendo do número de alumnos, organizaranse probas en aqueles países onde exista Consellería de Educación ou onde o Ministerio de Educación e Ciencia determine, a proposta da UNED.

Convocatorias

  • Cada alumno dispoñerá dun máximo de catro convocatorias.
  • Non se considerará consumida a convocatoria se o alumno non se presenta a ningún exercicio.
  • O alumno dispoñerá de 10 días (os seguintes á publicación das cualificacións) para solicitar ó Reitor da UNED a revisión dos seus exercicios.

Os estudantes estranxeiros poderán formalizar a matrícula e realizar posteriormente as probas sen ter resolta a convalidación dos seus estudios secundarios, achegando o documento expedido polo Ministerio de Educación e Ciencia, que acredite que a convalidación está en trámite, aínda que todo isto condicionado á presentación, por parte do alumno, da Orde de Convalidación definitiva que se dite.

Inscrición na Universidade

Os alumnos procedentes de estados membros da Unión Europea acceden en igualdade de condicións que os españois. Os demais estudantes, se desexan ingresar en titulacións que teñan límite de prazas, teñen reservado unha porcentaxe, que no Sistema Universitario de Galicia, oscila entre o 1 e o 3 % das prazas ofertadas en cada titulación.

No caso de titulación que teñan límite de prazas, será preciso realizar unha preinscrición que soe ser no mes de xuño.

Para a adxudicación de prazas teranse en conta, en cada caso, a cualificación definitiva nas Probas de Acceso á Universidade (PAAU), así como a media do expediente académico correspondente.

Os alumnos estranxeiros de países non membros da Unión Europea, que desexen iniciar estudos en titulacións sen límite de prazas, deberán ter superadas as probas de acceso á Universidade. As solicitudes deberán presentalas na Secretaría do Centro onde desexen realizar os seus estudos, durante o mes de xullo.

+ información: UNED, Universidad de Santiago de Compostela, Universidad de A Coruña, Universidad de Vigo.

Voltar