Ayuntamiento de La Coruña / Concello de A Coruña

Reportajes

O proxecto Equal; unha iniciativa en favor da igualdade

O Fondo Social Europeo puxo en marcha a iniciativa Equal para loitar contra calquera forma de discriminación no mercado laboral. Para os emigrantes retornados galegos e inscrito dentro deste proxecto destaca o CONVIVE+ para fomentar a integración laboral e iniciativas empresariais dentro deste colectivo no ámbito galego

Logo Equal

O proxecto Equal proporciona ós retornados grandes posibilidades para a súa inserción laboral

 

A Secretaría Xeral de Emigración está a traballar, xunto con outras once entidades, no desenvolvemento do Proxecto CONVIVE+ (Migracións, Autoemprego e Integración Social) cofinanciado polo Fondo Social Europeo a través da Iniciativa Comunitaria EQUAL, que investirá 1.346.397 euros no período 2005-2007.

CONVIVE+ é un proxecto da Iniciativa Comunitaria EQUAL do Fondo Social Europeo (FSE), destinado a fomentar a creación de empresas, sobre todo de economía social, entre emigrantes retornados e inmigrantes, especialmente mulleres, que residen nas provincias da Coruña e Pontevedra, por tratarse dos territorios cunha maior presenza destes colectivos en Galicia.

O propósito principal do proxecto CONVIVE+ é conxugar a experimentación de novos métodos de integración sociolaboral das colectividades emigrantes co desenvolvemento social e económico de Galicia. As mellores prácticas resultantes serán transferidas ás políticas xerais das administracións públicas con competencias na materia.

O proxecto ten un custo total de 1.346.397,00 euros, dos que un 75% (1.009.797,75 euros) serán cofinanciados a cargo do Fondo Social Europeo e o resto polas entidades asociadas no proxecto que son, ademais da Secretaría Xeral de Emigración que encabeza a iniciativa, a Fundación Galicia Emigración, as deputacións da Coruña e Pontevedra, o Servizo Galego de Igualdade, a Universidade da Coruña, a Fundación da Universidade da Coruña, Cáritas Diocesana, a Federación de Asociacións de Emigrantes Retornados, a Federación de Asociacións de Inmigrantes, o IGAPE e Caixa Galicia. Tamén colaboran a patronal española da economía social CEPES e a Confederación Galega de Minusválidos COGAMI. CONVIVE+ conta tamén cunha entidade asociada italiana como socio transnacional. O proxecto transnacional deseñado entre ambos denomínase EDEN.

A iniciativa CONVIVE+ enmárcase dentro do programa EQUAL é a iniciativa Comunitaria de Recursos Humanos promovida polo Fondo Social Europeo para o período 2001-2006. Forma parte dunha estratexia integrada para o emprego, que ten por obxectivo a loita contra tódalas formas de discriminación e desigualdade que se producen no mercado de traballo e en particular, contra aquelas baseadas no sexo, a raza, o orixe étnico, as crenzas ou a idade.

O proxecto consta de sete liñas de actuacións principais entre as que se contan a realización de informes e investigacións sobre a situación sociolaboral dos emigrantes retornados, o apoio, seguimento e asesoramento nas iniciativas de creaciòn de empresas que leven a cabo os emigrantes e nas dificultades que se atopan neste camiño como son o descoñecemento legal do entorno galego, á limitada capacidade de aforro e á falta de capitalización para a posta en marcha dunha empresa fomentando sempre as empresas de economía social. A creación de redes de cooperación para facilitar a participación activa do colectivo migrante no desenvolvemento de políticas de apoio e potenciar o seu asociacionismo no ámbito empresarial e a realización dun esforzo de difusión que ten como obxectivo a aproximación do fenómeno das migracións ao tecido social da comunidade de acollida, dende unha perspectiva positiva son outros dos puntos que potencia esta iniciativa.

Por último é moi importante a transferencia de metodoloxías, materiais e boas prácticas acadadas ó longo do proxecto,tanto a un nivel horizontal (é dicir, entre as propias entidades socias do proxecto) como vertical (dirixido a persoas con capacidade de decisión política nos distintos niveis da Administración Pública do Estado e da Unión Europea).