Ayuntamiento de La Coruña / Concello de A Coruña
Reportajes
Desde esta entidade, fundada por un grupo de emigrantes retornados do Río da Plata, tentan cubrir as necesidades de adapatabilidade e fomentar a integración dos emigrantes que voltan a Galicia e que en ocasións se atopan con algúns atrancos para desenvolver plenamente os seus obxectivos. Algunhas das súas actividades céntranse na creación de grupos especializados nos problemas que afectan ós emigrantes
META ofrece atención personalizada aos emigrantes no tocante a toda a problemática que se poden atopar ó retornar ó país
A Asociación M.E.T.A. foi ceada para investigar e desenvolver accións cara as necesidades dos emigrantes retornados e inmigrantes en xeral. "Aceptamos a nosa misión asociativa como servizo e como misión. O futuro de Galicia está, necesariamente, implicado na coparticipación na realidade socio económica que é a inmigración. Iso producirá inevitables movementos migratorios de traballadores de distinto tipo e instrución que serán reclamados polos sectores, produtivos. Nesa realidade debemos traballar intensamente como ONGs", afirma José Martínez-Romero Gandos, director de Meta en A Coruña.
Existe unha acción específica programada, a piques de comezar que conta cos auspicios da Fundación Barrié de la Maza. Trátase de creación e desenvolvemento dun Grupo de Reflexión para Emigrantes Retornados e para Inmigrantes en Xeral cunha serie de obxectivos como son mellorar os nivéis de benestar social dos participantes, crear un grupo especializado nos problemas que enfrontan os inmigrantes e emigrantes retornados, facilitar a integración socio-laboral e comunitaria dos integrantes e impulsar actividades accesorias desenvolvidas mediante a elaboración, programación e execución de tarefas por parte do grupo.
A Asociación M.E.T.A. xorde como un proxecto dun grupo de emigrantes retornados do Río da Plata que levan xa anos na Galiza. Martínez-Romero asegura que tras algúns atrancos " a asociación comeza a recibir o apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüistica da Xunta de Galicia que financia o noso Boletín Acubillo e da Fundación Barrié de la Maza co auspicio do devandito Grupo de Reflexión para Inmigrantes".
En canto ó fomento da integración dos emigrantes que voltan, desde Meta afirman que " A Asociación realiza tamén un traballo silencioso tentando unha modalidade de intervención que considere estas situacións sociáis de crise e procura unha "multiculturalidad significativa" orientada a que cadaquén recoñeza ó outro e se acheguen, mellorando a comunicación, a comprensión mutua, o aprendizaxe social, o desenvolvemento da convivencia, a regulación dos conflictos e o respecto pola cultura, tanto de acollida como de orixe".
No caso do asociacionismo de emigrantes retornados o director de Meta aclara que "moitas asociacións inicialmente xestionadas como de "retornados" prefiren (e nós tamén) reflectir accións, estudios, traballos, información e solidariedade e aclarar onde sexa pertinente que todos os emigrantes que "retornan" son cidadáns e cidadanas de pleno dereito e as súas accións ou problemas non sempre son reflectidos correctamente pois integran as estatísticas xeráis. Caso diferente é o dos inmigrantes de calquera outra nacionalidade ou orixe".